A Internet das Cousas e os coches conectados, dous dos grandes eixes temáticos de LibreCon 2015

xoves, 8 de outubro do 2015 Redacción

Fálase moito da Internet das Cousas (IoT) pero se cadra non se fala tanto do papel que representa (e representará) o software libre con esta nove orde (e nunca mellor dito) das cousas. Esta confluencia entre obxectos conectados e programación sen cancelas será un dos puntais temáticos de LibreCon 2015, congreso organizado por AGASOL, ASOLIF e Clúster TIC Galicia e punto de encontro ineludíbel (os días 29 e 30 de outubro en Santiago) para os seareiros, usuarios e desenvolvedores de ferramentas open source.
Para quen non o saiba, a Internet das Cousas é en boa medida o estado evolutivo seguinte da nosa sociedade e a nosa economía, un estado no que estaremos en comunicación constante, natural e fluída, cos obxectos das nosas contorna. E todo a través de redes de comunicación avanzadas e, como se vai lembrar en LibreCon, recursos tecnolóxicos libres.
Por certo que na edición 2015 do congreso tamén se botará luz sobre o potencial da programación aberta no ensino e máis no desenvolvemento de coches conectados, ou sexa, os vehículos con capacidade para mellorar e facer máis seguros os nosos desprazamentos, facendo cousas concretas como avisarnos de posíbeis tapóns de tráfico, propor accesos alternativos, poñernos en contacto automático cun taller ou avisar de alarmas meteorolóxicas, entre outras moitas funcionalidades (por exemplo a interconexión entre uns vehículos e outros). Deste tipo de achados, baixo unha óptica de código aberto, falará en LibreCon Roberto Zompi, un dos grandes expertos actuais na aplicación de software libre nos coches intelixentes, xerente de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli (pertencente ao Grupo Fiat Chrysler, histórico propietario de marcas do prestixio de Ferrari, Lancia, Alfa Romeo e Maserati).
Amais de Magneti Marelli, tamén estarán presentes no congreso as entidades internacionais Canonical (a empresa creadora do sistema operativo Ubuntu), Intel ou OpensourceVehicle, estando representada a nosa terra polas importantes achegas de Igalia, Staticboards, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a asociación AGASOL, co-organizadora do evento. Segundo avanza precisamente AGASOL, ao longo dos dous días de actividade falarase (e moito) de robots submarinos libres (hardware e software aberto), de dispositivos intelixentes con sistemas sen licenza pechada, de fogares intelixentes, de obradoiros hackers para as escolas e mesmo de “vacas conectadas”.
A cita será no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia e a entrada é de balde previa inscrición.

PUBLICIDADE