A Insta360 GO 3 incorpora unha pantalla externa sen fíos

martes, 27 de xuño do 2023 Marcus Fernández

En 2019 chegou ao mercado chegou ao mercado a Insta360 GO, a cámara estabilizada máis cativa do mundo, que podiamos entender como unha cámara persoal (xa que pode colocarse na roupa dun xeito bastante cómodo, para rexistrar o que temos diante) e en 2021 renovouse incorporando un estoxo de carga para mellorar a súa autonomía. Prevíase así que este ano chegase a Insta360 GO 3, e por fin é unha realidade, mantendo o seu formato compacto e lixeiro (pesa só 35 gramos) e estreando un accesorio revolucionario: o Action Pod.
Este novo complemento da Insta360 GO 3 serve como batería externa (de xeito que a GO 3 pode gravar até 45 minutos de xeito independente e até 170 minutos conectada ao Action Pod), aínda que a súa prestación máis interesante é a súa pantalla táctil abatible, facendo a cámara máis práctica para o vlogging e podendo empregarse tamén de xeito remoto a través de Bluetooth (ou sexa, coa cámara desconectada, facilitando así a previsualización das capturas).
Cómpre advertir de que, aínda que a Insta360 GO3 ten resistencia á auga IPX8 (polo que pode empregarse até e a 5 metros de profundidade sen preocupacións) o Action Pod só ten certificación IPX4 (ou sexa, resistencia a salpicaduras).
A Insta360 GO 3 Pode disparar fotografías e gravar vídeo até 2,7K. Conta con efectos de cámara rápida e cámara lenta, coida a gravación de son estéreo incluso reducindo o son do vento, e ten aplicacións para iOS e Android que fan doado compartir en redes sociais os contidos que xeremos tirando proveito da tecnoloxía de estabilización desenvolvida por Insta360, e que é a principal vantaxe deste dispositivo.
A cámara parte dun prezo de 429,99 euros para a súa versión con 32 GB de capacidade, estando xa dispoñible en Amazon a versión de 64 GB a un prezo de 449,99 euros. A versión básica inclúe o Action Pod, colgante magnético, soporte pivotante e clip, existindo lotes con accesorios adicionais como un mini-trípode, unha carcasa para mergullo ou con accesorios para montar a cámara nunha bicicleta.

Vídeo promocional da Insta360 GO 3

PUBLICIDADE