A Iniciativa a prol dun Tuenti en todas as linguas do Estado xa conta con 12.000 apoios

mércores, 16 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A CiberIrmandade da Fala, o colectivo galego que centra o seu labor en normalizar a nosa lingua entre a nova comunicación dixital, está estes días a pechar fileiras arredor dunha iniciativa para a mellora do servizo da rede social Tuenti. Máis polo miúdo, trátase de ampliar o abano comunicativo desta ferramenta, unha das máis empregadas entre os internautas de todo o estado español e até o de agora sen operatividade no que a linguas oficiais diferentes do castelán se refire. A campaña en cuestión, que comezou hai uns meses para solicitarlles aos responsables de Tuenti a inclusión do galego, o catalá e máis o euskara, conta xa co apoio de 12.000 persoas, e a listaxe de apoios, entre os que se conta o da CiberIrmandade, non para de medrar.
O xeito de participar na iniciativa é tan doado como de costume: o único que temos que facer é enviarlles aos responsables da empresa unha petición respecto á nosa lingua. A petición, por certo, xa a podemos ver suxestionada na web da CiberIrmandade.
No envío, atendendo aos requisitos debidos de respecto, lle estaremos a solicitar a Tuenti a incorporación das ditas linguas oficiais e propias de Galiza, Catalunya e Euskal Herria, feito que non tería porqué ser un atranco se atendemos ao que se conta no blog da dita rede social: “Esta é unha ferramenta que facilita a transmisión de información entre xente que se coñece”. Asemade, lémbraselles que outras redes sociais de primeira liña como Facebook xa dispoñen de traducións a todas as linguas oficiais do Estado.
Esta é a conta de correo a onde teremos que enviar a suxestión: soporte@tuenti.com.

PUBLICIDADE