A IA é un dos motivos da folga de actores nos EE.UU.

xoves, 13 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Fran Drescher é a presidenta da SAG-AFTRA

O sector audiovisual estadounidense está a pasar por un momento crítico, xa que en plena folga de guionistas o sindicato SAG-AFTRA que representa a 160.000 actores, locutores, xornalistas de radio e televisión, bailaríns, picadiscos, redactores de novas, presentadores de programas, monicrequeiros, cantantes, dobres de acción, actores de dobraxe e outros profesionais dos medios de comunicación decidiron ir tamén á folga por non ser quen de renovar o convenio colectivo tras máis de catro semanas de negociacións coa AMPTP (entidade que representa a compañías como Apple, Disney, NBCUniversal, Netflix, Paramount, Sony e Warner).
A folga foi apoiada polo 97,91% dos profesionais que participaron na votación (uns 65 mil) e supón a paralización da meirande parte das actividades que se realizan diante e detrás da cámara no sector audiovisual, así como tamén a participación en actividades promocionais (algo especialmente relevante xa que entre os días 21 e 23 de xullo celébrase a Comic-Con de San Diego, cita na que se realizan numerosos anuncios conseguindo grande repercusión).
As negociacións buscaban a seguridade económica dos traballadores (que cos últimos cambios no sector teñen serias dificultades para conseguir unha mínima seguridade laboral, así como seguros de saúde e plans de pensións), cobrar compensacións económicas pola explotación dos seus traballos, loitar contra a precarización dos castings e, moi especialmente, limitar os usos da intelixencia artificial para a creación de novas interpretacións, de xeito que se establezan un marco para evitar abusos e para que nos casos nos que se empregue a tecnoloxía para producir contidos virtuais exista tanto un consentimento como unha compensación xusta.
Dende SAG-AFTRA aseguran que as compañías pretendían que os figurantes puidesen sen escaneados e que, pagándolles só un día de traballo puidesen logo empregar a súa imaxe replicada dixitalmente de xeito ilimitado sen autorización nin compensación.
A presidenta do sindicato, Fran Drescher, coñecida en Galicia polo seu papel na serie A Nanny, fixo un chamamento a que os traballadores se manteñan firmes para evitar «ser substituídos por máquinas».

PUBLICIDADE