A I Xornada TIC Ferrolterra reúne na comarca ás empresas máis consolidadas do sector

mércores, 3 de outubro do 2007 Raquel Noya

O vindeiro 5 de outubro terá lugar en Ferrol a I Xornada TIC Ferrolterra, que reunirá nesta cidade ás empresas máis consolidadas do sector das novas tecnoloxías nos eidos de Galicia e España. Dez son as entidades que participarán na primeira edición deste encontro, as cales exporán os seus máis salientables produtos en dúas salas de actividade simultánea que os organizadores terán habilitadas para a ocasión.
Na primeira das salas, denominada Solucións, os asistentes poderán coñecer de preto ferramentas implementadas arredor das novas tecnoloxías, sendo as seguintes as firmas convidadas a esta parte da exposición: Teostek, 3.14 Financial, Comunicación Global, Egacom, Ítacus e Infoestratexias (que fará unha introdución sobre o estado da arte da Vixilancia Tecnolóxica e a Intelixencia Empresarial e das vantaxes que ofrecen para a mellora competitiva das pemes).
Na segunda sala, chamada Innovacións, os asistentes atoparán sistemas máis dinámicos e, se cadra, máis coñecidos polo público en xeral, como é o caso de aplicacións de sona coma o Google Maps, o Google Earth ou o SixPac, aplicadas na empresa e no turismo. As empresas que van acudir a esta exposición son: Exact Software Noroeste, Loroestudio, Aresta, Frutods, Medis Norte e Egacom (firma pioneira en Galicia que mostrará como Second Life pode ser un mundo aproveitable para as empresas reais).

PUBLICIDADE