A Fundación CEL presenta un completo programa de obradoiros e xornadas sobre o último do último en tecnoloxía

venres, 24 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A Fundación CEL, con sede en Lugo, vén de inaugurar un programa encamiñado a formar e informar aos empresarios da provincia sobre todo o relacionado cos grandes apoios para o negocio do noso tempo: as novas tecnoloxías da información. A iniciativa, chamada Proxecto EmprendeTIC 2009 (ou, máis breve, ETIC), resúmese en boa medida nun programa variado de actividades, principalmente xornadas e obradoiros titorizados, elaborado até no máis mínimo detalle pola Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial (SITE). Por certo que o programa xa deu comezo esta semana coa celebración do evento O márketing tecnolóxico, a revolución nas comunicacións, unha xuntanza demostrativa que conseguiu reunir no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a máis de oitenta persoas e que serviu, a maiores, para presentar os obxectivos e formatos de todo o plan formativo. O acto, que se desenvolveu este xoves pola tarde, contou coa presenza (entre outros especialistas da Sociedade da Información) do presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, o secretario da CEL, Jaime Luis López Vázquez, e o coordinador da Fundación, Rodolfo Ojea. Durante o transcurso da súa intervención, García Santalla cualificou ás novas tecnoloxías de gran invento para o empresariado e a sociedade, fonte de vantaxes para a vida comunicativa que, malia estar en fase de desenvolvemento, xa ten amosado en moitas ocasións “ter a partida da aplicabilidade gañada”.
Polo que respecta ao programa íntegro de actividades e o seu contido, dicir que está estruturado en sete xornadas demostrativas e seis obradoiros titorizados, con calendario de abril a novembro, e ten unha orientación práctica no vieiro da rendibilidade dos negocios, sobre todo atendendo aos negocios de provincia de Lugo e, dentro destes, os novos negocios.
Segundo informa a organización, os eventos dos que forma parte a iniciativa tratarán cuestións de interese común dentro do seu eido, o dixital, e que sexan especialmente demandadas polos empresarios. Como por exemplo: a xestión documental e o comercio electrónico, as novas tecnoloxías a discapacidade, as novas tecnoloxías e o medio rural ou as ferramentas dixitais de participación activa (a Web 2.0). Dentro das accións máis formativas, proseguen os organizadores, o consultor tecnolóxico responsable da SITE organizará talleres titorizados con cita previa cos que, de individualmente ou en pequenos grupos, os usuarios poderán (en espazos curtos de tempo axeitados ás súas axendas), solucionar dúbidas sobre as vantaxes económicas do software libre, o mantemento de oficinas en rede, a gravación de copias de seguridade e o manexo do xestor de correo.

PUBLICIDADE