A Finca Mouriscade estrea nova web

mércores, 15 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

A Deputación de Pontevedra vén de presentar o novo sitio web da Finca Mouriscade, totalmente redeseñado para ofrecer unha imaxe “máis utilizábel, accesíbel, áxil e doada de consultar”. O sitio web ten formato responsive, adaptado ás pantallas de todos os dispositivos, co obxectivo de aumentar a transparencia da información pública relativa a Mouriscade. A renovada web foi presentada polo deputado Manuel González e o persoal do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación.
A principal novidade do sitio web é a plataforma de venda de embrións que chegarán a todas as ganderías da provincia. “A venda”, informou a Deputación, “producirase dun xeito moito máis transparente e áxil, co que se busca que todo o sector gandeiro da provincia teña a mesma capacidade e accesibilidade á hora de mercar”. Así, as persoas rexistradas na base de datos recibirán unha notificación o día anterior á venda deses embrións e poderán seleccionar directamente o exemplar que desexan adquirir. Unha vez merquen o material xenético, e sempre que o soliciten a través da web, o persoal técnico de Mouriscade trasladarase ás súas explotacións para implantalos, empregando para iso o laboratorio móbil.
En canto á sección dedicada ao laboratorio, axilizarase a información das mostras enviadas xa que o procedemento de consulta de resultados será accesíbel en tempo real. Tamén se incorporará unha libraría de composición de alimentos que ofrecerá unha base de datos estatísticos do laboratorio, con rexistros desde 2001, que contará cos parámetros máis comúns na análise de alimentos. Ademais incluiranse, a título informativo, datos referentes a outras instalacións e infraestruturas de Mouriscade como a súa planta de biogás ou as terras de cultivo da finca.

PUBLICIDADE