A Feuga organiza un obradoiro de mellora da xestión empresarial

mércores, 6 de febreiro do 2008 Raquel Noya

A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) vén de anunciar a organización dun seminario práctico de mellora da xestión empresarial a través do manexo dunha das ferramentas de ofimática máis espallada e empregada polos profesionais como é a folla de cálculo Excel.
O principal obxectivo deste obradoiro é incrementar o aproveitamento deste sistema que, segundo salientan os expertos, “non supera nin o 10 por cento do seu verdadeiro potencial”.
A fundación contará coa colaboración de Kiko Delgado, director e delegado para Galicia do Instituto de Empresa e integrante do equipo de desenvolvemento dos modelos financieiros do programa Excel para Pemes da compañía Microsoft, e que se encargará de impartir as sesións.
Baixo o título Excel Bussines Solutions: aplicacións avanzadas de Excel para a xestión empresarial, o seminario permitiralle aos participantes aprender a desenvolver modelos de orzamentos, cadros de mando, informes de venda, análises de ratios e estimacións de contas de resultados, así como instruírse no deseño de solucións eficaces baseadas no modelo entrada-saída de datos.
O curso vai dirixido a directivos, xerentes e responsables técnicos nas áreas de marketing, finanzas, comercial e recursos humanos e impartirase os vindeiros días 18 e 19 de febreiro na sede da fundación Feuga en Santiago de Compostela.
O prazo de presentación de solicitudes de inscripción remata hoxe, mércores 6 de febreiro.

PUBLICIDADE