A FIRST LEGO League Galicia celébrase en liña este sábado

venres, 28 de maio do 2021 Redacción

A Universidade da Coruña organiza mañá a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), nunha modalidade integramente en liña por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19, entre as 9:00 e as 15:00 horas. Nesta sétima edición, participan un total de 34 equipos (19 na categoría FLL Challenge, 12 na FLL Explore e 3 na FLL Discover) e máis de 250 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia e na súa páxina web.
A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables, coa misión de fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os novos e que tamén desenvolvan habilidades e competencias de futuro. Este desafío está conformado por tres ámbitos de traballo:
– Deseñar, construír e programar un robot.
– Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto por eles mesmos.
– Demostrar uns valores de equipo.
Un ano máis, o mago Martín Varela será o encargado de conducir o evento aínda que nesta ocasión o fará desde un set situado no Centro Cultural Universitario do Campus de Ferrol. Ao longo da xornada, ata ese espazo achegaranse o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e o coordinador do evento, o profesor José Antonio Becerra Permuy.
Pola súa banda, os árbitros e o xurado traballarán desde a Escola Politécnica Superior, desde onde seguirán o desenvolvemento da xornada, mentras que os equipos presentarán os seus proxectos e disputarán o xogo do robot desde os seus centros de orixe.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música de Ferrol Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FIRST Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

PUBLICIDADE