A FIC elixe un sistema de citas radiolóxicas como gañador do seu concurso de TFG

venres, 18 de decembro do 2015 Redacción

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) vén de elixir gañadores do seu concurso de Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado (TFG). No certame do mellor TFG aplicado da FIC participaron as empresas Everis, Indra, Telecon, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e o Grupo Voz. Asemade, cómpre sinalar a colaboración do CITIC e da Fundación Universidade da Coruña. E indo aos premiados, dicir que foron tres os galardoados, facéndose co primeiro posto unha ferramenta para a xestión de citas radiolóxicas, especialmente útil para as clínicas de mediano e pequeno tamaño que adoitan carecer de programas informáticos para este tipo de casos, o responsábel do enxeño é Martín Lamas Díaz, que logrou un premio de 1.500 euros.
Emporiso, o xurado quixo recoñecer o traballo de dous alumnos máis: Fernando Posse Álvarez (que recibiu unha recompensa ao seu labor de 500 euros) quen creou unha aplicación para desenvolver software de xeito moi rápido e fiábel. Estamos perante un dispositivo de recomendación para o autocompletado intelixente de código. A mesma cantidade (500 euros) recibiu Manuel Suárez Abella por un sistema domótico controlado pola Wi-Fi da casa, o que permite a independencia da rede fornecida polas empresas instaladoras e reduce os custos.
Engadir que todos os traballos presentados ao concurso, tanto os tres premiados como os outros tres que ficaron finalistas, tiñan en común a finalidade de solucionar problemas reais do mercado.

PUBLICIDADE