A Estrada celebrará unha orixinal LAN party sen Internet durante a fin de semana

xoves, 1 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Retomando o espírito dos encontros de entusiastas da informática de antano a Asociación Informática The Log organiza no Centro Xuvenil La Estación da Estrada durante a vindeira fin de semana a StationLan, unha LAN party na que os participantes levan os seus ordenadores para conectalos en rede, pero sen acceso á Internet, de xeito que poderán acceder só ao que os participantes decidan compartir (dende xogos até datos) reivindicando o concepto de coñecemento libre. Lembremos que na Estrada xa se celebraba a Kutruparty durante as mesmas datas, polo que a StationLan chega para cubrir un oco na axenda do lecer local co atractivo de ser un encontro máis orixinal pola súa orientación de vella escola.
Para animar as dúas xornadas desenvolveranse torneos de videoxogos como Trackmanía, Worms ou Mario Kart, completando as actividades con charlas sobre software libre, un simulador de drons en FPV, unha batalla NERF na zona da Extranet, música en directo, premios e incluso unha zona Chill para os que precisen repousar un anaco.
Os interesados en participar deberán aboar 10 euros de inscrición, estar documentados e levar o seu equipo informático (incluíndo regreta eléctrica para poder enchufar todos os seus trebellos (xa que só haberá unha toma de corrente por posto). A recepción de participantes comezará o sábado ás 11:00 horas e a celebración alongarase até o domingo ás 18:00 horas cheos de actividades.

Diversidade de actividades

Os participantes nas competicións poderán optar a diversos premios

Os xogos nos que competirase durante a fin de semana serán Battle Mode Super Mario Bros. 3, Trackmania Nations Forever, Super Bomberman 2, Worms Armageddon, Quake III, Gang Beasts, Armagetron Advanced, Virtua Tennis, Call of Duty 4: Modern Warfare e Super Mario Kart, xogos publicados dende o ano 1991, que están considerados en moitos casos como auténticos clásicos.
Fóra dos videoxogos tamén se organizarán concursos de gravación dun Mannequin Challenge, de Hide & Seek (agochar e atopar algo no recinto), de preguntas de videoxogos, ao xogo do dinosauro de Google (ovo de pascua do navegador Google Chrome), de adiviña de bandas sonoras de películas e videoxogos, de identificación de splash-arts de personaxes de League of Legends, de imitación de bailes, de realización de fotografías sorpresa, de nomear o maior número de obras dunha filmografía dun director de cine, de bottle flip, de colocarse o maior número de prendas de roupa enriba até parecer un boneco de Michelín e de lanzamento de avións de papel.
A maiores, na extranet impartirase unha charla sobre drons, podendo empregar un simulador de voo de drons en primeira persoa para demostrar a habilidade pilotando; poderase gozar dunha VJ Session a cargo de Tamu&Vicen; será posible empregar unha Nerf automática para poder abater os globos que levarán nas súas mans varios skaters co reto de rematar con todos con só 12 disparos; e incluso xogarase a domina a mini, unha actividade de rescatar a bandeira na que tres xogadores deberán colaborar para superar a catro gardiáns.

PUBLICIDADE