A Enxeñaría en Informática celebrará mañá a súa quinta noite galega

xoves, 3 de outubro do 2013 Redacción

Javier Luxor conducirá a gala da V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela será o enclave elixido para a celebración da V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia mañá a partir das 20:30 horas, nun acto que estará presentado polo mentalista Javier Luxor, quen achegará un espectáculo abraiante para colexiados e convidados, que sumarán un total de 250 persoas entre as que figurará o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que presidirá a gala como ten feito en anteriores ocasións.
Dentro deste encontro faranse entrega dos premios anuais outorgados polo CPEIG, dos que fomos dando conta nas últimas semanas, e que quedan como segue:

O encontro terá lugar no Hotel Monumento San Francisco

• Premio Proxecto Fin de Carreira: Alberto Jaspe Villanueva, polo traballo Point Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes datasets de nubes de puntos 3D. O premio está dotado con 1.000 euros.
• Premio Iniciativa da Administración: Deputación de Pontevedra. Co obxectivo de garantirlles servizos de xestión e atención de calidade aos cidadáns, concellos e empresas, o organismo provincial comezou xa en 2008 un proceso de modernización tecnolóxica no que se enmarcan diversas accións que melloran a calidade de vida da poboación a través do uso das novas tecnoloxías.
• Premio Traxectoria Profesional: Roberto Baratta (Ourense, 1970), enxeñeiro informático, responsable de seguridade de Novagalicia Banco e CISO do ano 2012. Desempeñou varios postos: responsable de Xestión Interna e identidades, director de Operación Seguridade Informática, IT Security Officier e administrador de sistemas, entre outros. O galardón representa a aposta do CPEIG por que sexan as enxeñeiras e enxeñeiros en informática os responsables da seguridade tecnolóxica.
• Premio Ada Byron: Susana Ladra, enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Informática da UDC e vicedecana de Organización Académica. Foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información. Nos últimos anos, vén desenvolvendo unha intensa actividade investigadora.
• Premio Iniciativa Empresarial: SetPay. Solución que se basea nos cobros con tarxeta desde o dispositivo móbil. É o único sistema en España que emprega validación con PIN. SetPay naceu en xaneiro de 2012 e ten a sede en Compostela, desde onde desenvolve as súas solucións, presta servizo e dá soporte a toda España. Os fundadores son Xavier Martínez Cobas, profesor universitario de Económicas, e os informáticos Xoán González Díaz e David Pombar Lourido.
• Premio Iniciativa Emprendedora: Proxecto Rede de escolas na nube, baseada no emprego das TIC por mestres e mestras nunha contorna rural dispersa con cativos de entre 3 e 7 anos. Vai orientado a proporcionar servizos de computación cloud para mellorar a aprendizaxe e a colaboración na escola rural. O proxecto está coordinado polo CESGA coa participación de Balidea Consulting&Programming. Colaboran na iniciativa a Consellería de Educación e AMTEGA.
• Mención especial para a Asociación PuntoGal: pola recente consecución do dominio .gal. Para o CPEIG o dominio .gal representa un decidido impulso para a difusión e coñecemento da lingua e cultura de Galicia. PuntoGal é unha iniciativa que durante máis de sete anos traballou co obxectivo de conseguir un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo. Conseguiu máis de 12.000 apoios cidadáns e a adhesión de máis de 110 entidades. O ICANN aprobou o dominio o pasado 14 de xuño.

PUBLICIDADE