A ETSE de Santiago acolle este mércores 28 unha xornada sobre a Web do mañá

mércores, 28 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Este mércores 28 de novembro a Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago (USC) acolle o encontro Novas tendencias na Web: a Web 3.0, organizada polo Grupo de Sistemas Intelixentes do Departamento de Electrónica e de Computación da dita institución educativa.
O encontro, financiado pola Consellería de Innovación, inclúe co seguinte obxectivo: achegar un pouco de luz sobre o que se coñece como “Web 3.0” ou “Web semántica” a empresas, investigadores, profesionais e usuarios das TIC en xeral. Cómpre sinalar que esta nova orde de Internet, que xa está a dar os seus primeiros pasos abríndolle novas parcelas á 2.0 e mesmo substituíndo unhas por outras novas, consiste en liñas xerais nun cruzamento de tendencias. Por unha banda, recóllese o espírito de cooperación a través de redes sociais da 2.0 e, pola outra, apóstase por programas e ferramentas intelixentes que nos axuden a tratar, interpretar e seleccionar a maré de información. Ou sexa: que haberá máquinas que nos axuden a separar o gran da palla.
No acto inaugural participarán o director da Área TIC da USC, Javier Franco Tubío, e o Subdirector da ETSE, Alberto J. Bugarín, e mais os outros membros da organización da xornada, Profesores Manuel Lama Penín e Eduardo M. Sánchez Vila. Seguidamente desenvolveranse un conxunto de relatorios nos que se amorarán os conceptos da Web Semántica, Web 2.0 e Web 3.0, impartidas por destacados profesionais das empresas iSOCO, Germinus e ATOS Origin, respectivamente, que teñen gran experiencia nestes eidos a través da súa participación e liderado en proxectos nacionais e europeos.
Segundo sinalan os organizadores, na quenda da tarde presentarase GeoBuddies, un proxecto de investigación do Ministerio de Educación no que participa a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, e no que se aplican conceptos da Web 3.0 para que os pelegríns do Camiño de Santiago poidan acceder a través de teléfonos móbiles á información e servizos, enriquecidos pola aportación dunha comunidade virtual de pelegríns do Camiño.
Posteriormente, Antonio Pérez Casas, asesor do Conselleiro de Innovación para a Sociedade da Información, presentará as oportunidades que ofrece o programa da Sociedade da Información no eido da Web. A xornada pecharase cunha mesa redonda na que participarán os poñentes das conferencias e na que se discutirá sobre a Web 3.0 e, en xeral sobre o futuro da Web.
Na imaxe, a prensa dando conta da Internet do futuro no caderno de Wasabicube.

PUBLICIDADE