A ETSE de Santiago acolle en xullo as novas xornadas de control e robótica sobre software libre

xoves, 25 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago semella ter na axenda un verán máis que completo en materia de eventos de divulgación e investigación arredor das novas tecnoloxías dixitais. Mentres aínda está activo (até o venres) o congreso internacional de EUNIS sobre Sociedade do Coñecemento, o programa de promoción TIC da USC xa ten, por así dicilo, máis recursos na bandeixa de saída. Entre eles cóntanse as Xornadas de control automático e robótica con ferramentas Open Source 2009 (XCARFOS 09) que se celebran entre o 14 e o 17 de xullo na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE). A nova edición destes encontros, dirixidos por Tomás Fernández Pena e Xulio López, vai dirixida a achegar unha porta de entrada ao control automático e aos rudimentos básicos da robótica con microprocesadores.
As xornadas, nas que se presentarán, probarán e desenvolverán ferramentas e licenzas cen por cen libres, inclúen no seu programa, entre outras cousas, a presentación das funcionalidades do hardware libre Arduino ou dos recursos de programación necesarias e dispoñibles en GNU/Linux.
Todo isto, como dixemos, facendo fincapé nas vantaxes que o código aberto ten para os sistemas de control que permiten automatizar gran cantidade de procesos industriais e robóticos. A fin de contas, sinalan os organizadores, todo o que se faga mediante deseños libres está ao alcance do eido académico ou empresarial coma unha fonte permanente de coñecemento, base de calquera progreso.
Na imaxe, unha aproximación aos obradoiros celebrados o ano pasado no mesmo escenario.

PUBLICIDADE