A EGAP acolle este sábado unha xornada sobre o uso das novas tecnoloxías na educación

venres, 23 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolle este sábado unha xornada de formación sobre o Plan de integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nas aulas e nos centros educativos na que participarán ao redor de 350 docentes. O encontro, que contará no acto de apertura coa presenza da subdirectora xeral de Ordenación Educativa, Victoria Navaza Blanco, está dirixido ó profesorado de todos os niveis educativos e en especial a aqueles docentes que vaian desenvolver a función de dinamizador do Plan TIC no centro educativo, segundo sinala a Consellería de Educación nun comunicado.
E engade, referíndose ós obxectivos: “Este seminario pretende divulgar experiencias educativas relacionadas coa posta en marcha deste proxecto nas aulas, ao tempo que da a coñecer recursos a disposición da comunidade educativa a través da Rede”.
Está previsto que na xornada participen profesores da educación vinculada ó emprego das novas tecnoloxías. Asi, o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Sevilla, Julio Cabero Almenara, disertará sobre o rol do docente nos novos contornos de ensino-aprendizaxe. Ademais, intervirán Xesús M. Benítez Baleato, coordinador do Proxecto Software Libre Mancomun e asesores especialistas da Consellería de Educación.

PUBLICIDADE