A Dirección Xeral de I+D e Tecnópole habilitarán en Ourense un centro de investigación en enerxías limpas e un viveiro de empresas biotecnolóxicas

venres, 20 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A Dirección Xeral de I+D porá a marcha en Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia, Ourense) un centro de experimentación en enerxías renovables e un viveiro de empresas bitotecnolóxica. Ámbalas iniciativas levarán consigo un orzamento de 4,5 millóns de euros: un millón para o dito centro e 3,5 para a incubadora.
Segundo anunciou este venres 20 o director xeral do devandito departamento da Consellería de Innovación, Salustiano Mato, o centro de investigación de enerxías limpas vai ter como principal función a de servir de banco de probas para as empresas galegas do sector das enerxías solar e fotovoltaica que queiran testar os seus proxectos innovadores.
As instalacións, segundo apuntou a Dirección Xeral, estarán operativas a partir de xuño de 2007. O gran obxectivo do centro é “contribuír a consolidar a posición de liderado que Galiza ten na produción de enerxía eólica e optimizar a relativa á da enerxía solar fotovoltaica, que non se corresponde coa potencialidade que presenta o territorio”.
Polo que respecta á incubadora, dicir que Tecnópole vaina poñer en marcha nos vindeiros meses e irá especialmente orientada a dar acubillo a empresas biotecnolóxicas, permitíndolles “iniciar a súa actividade nun contorno que non só suporá un espazo físico para instalar as súas oficinas, senón tamén o acceso a infraestruturas de laboratorio especializadas para desenvolver os seus proxectos de investigación”, segundo apunta a Dirección Xeral de I+D nun comunicado.

PUBLICIDADE