A Deputación da Coruña estrea o ciclo web ReferentesT2 cunha conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes

venres, 29 de abril do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña estreou o ciclo web ReferentesT2 nas redes sociais en Facebook e Youtube. Fíxoo cunha conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, na que narran como a resistencia antifranquista conformou as súas respectivas personalidades e explican as súas posicións ante temas de actualidade como o ascenso da ultradereita ou o que acontece en Ucraína.
ReferentesT2 é un proxecto impulsado pola área de Cultura da Deputación que volve nesta segunda tempada con seis novos episodios que se emitirán os últimos venres de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro
A conversa entre Ledo e Fortes, conducida pola xornalista Marga Pazos, parte das súas respectivas infancias e como as súas situacións familiares durante o franquismo conformaron as súas personalidades e idearios. No caso de Xabier Fortes como fillo dun militar detido por montar unha célula democrática no exército, o que segundo conta truncou o seu futuro, “realmente eu non tiña que ser xornalista senón militar, estaba educado para iso” asegura; e no caso de Margarita Ledo como descendente de emigrantes e “exiliada ela mesma”.
Referentes T2 contempla seis novos episodios, que sairán á luz o último venres dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro. A Deputación lembra que este ciclo, que xunta a diferentes personalidades do mundo da cultura nun espazo de reflexión e conversa demorada, está concibido como un proxecto exclusivamente dixital.
Margarita Ledo é xornalista, investigadora, cineasta e escritora en lingua galega. Foi a primeira decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde é Catedrática de Comunicación Audiovisual. Tamén é numeraria da Real Academia Galega e ten sido galardoada e recoñecida con importantes premios culturais, entre os que destacan o Premio Nacional da Cultura Galega e o Premio Otero Pedrayo. O seu último filme Nación aborda a loita das mulleres traballadoras da fábrica de porcelana Pontesa.
Xabier Fortes é xornalista e coñecido presentador de programas informativos de televisión. Na actualidade presenta La noche en 24 horas de TVE, tras unha longa carreira en diferentes franxas horarias. É unha referencia no ámbito da comunicación e do xornalismo polo seu compromiso e ética profesional. Como documentalista ten dirixido unha ducia de documentais de carácter deportivo, social e histórico. O último leva por título Galicia no espello do tempo e aborda as catro últimas décadas da historia da nosa terra.

PUBLICIDADE