A Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol queren abrir un centro de co-working TIC

martes, 12 de xullo do 2016 Redacción

A Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol anunciaron esta semana a súa intención de pór en marcha un novo centro de co-working no centro comercial Porta Nova da cidade departamental. Este centro de innovación, inserido no marco do Plan de Emprego da Deputación (de alcance provincial), tería como eixe de actividade principal o deseño e desenvolvemento de ferramentas, servizos e tecnoloxías da información e a comunicación. A iniciativa, proposta polo Concello ao organismo provincial, viría a revitalizar un complexo comercial arestora en desuso, o de Porta Nova, para poñelo ao servizo dos emprendedores da comarca.
Así o anunciou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, ao remate da reunión de traballo que mantivo no seu despacho co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e as concelleiras de Urbanismo e de Patrimonio da cidade naval, María Fernández Lemos e Rosa Méndez.
O espazo de traballo colaborativo e innovadora ocuparía o andar superior do dito centro comercial. O obxectivo concreto, subliñaron, “é favorecer que se asenten alí iniciativas emprendedoras vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías”. Isto, ao xuízo alcalde, suporía “unha aposta de diversificación fronte ao monocultivo do naval nunha cidade”, subliñou, que amosa un claro “deterioro socioeconómico grave debido ao incremento do desemprego e a perda de poboación”. Jorge Suárez tamén fixo saber a intención de buscar tamén o apoio doutras entidades para este proxecto, como a Cámara de Comercio.
González Formoso sostivo que estudará con interese o proxecto, que "podería encaixar" dentro das accións do Plan de emprego local (PEL) 2016-2019, impulsado polo actual Goberno provincial co obxectivo de favorecer a creación de emprego nos sectores público e privado. Entre outras acciónsd, o PEL abrangue iniciativas de apoio á creación de novas iniciativas empresariais, fomento de viveiros e incubadoras de empresas e posta en marcha de novos espazos de co-working que fomenten as sinerxias empresariais na provincia.
O proxecto presentado polo alcalde de Ferrol inclúe a dotación de 10 locais de traballo colaborativo, 4 aulas modulares subdivisibles e un local multiusos, ademais dun espazo de recepción-información e salas de reunión, nos 1.485 metros cadrados cos que conta a parte alta do inmóbel.

PUBLICIDADE