A Deputación da Coruña e a UDC renovan o aplicativo para a xestión do equipamento local

xoves, 24 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

As vantaxes do software libre, por se alguén o dubidada, teñen un eido de expresión especialmente activo dentro da xestión e a administración pública. O seu potencial é máis grande aínda se temos en conta a responsabilidade das institucións de apostar por ferramentas informáticas que non supoñan grandes restricións de adaptabilidade e de uso e a posta en xogo de gastos elevados, o que non significa –nin moito menos- que non se alente a innovación empresarial ou pública. Moitas destas vantaxes e algunhas máis son as que inclúe gisEIEL, un aplicativo libre desenvolvido sobre SIX e axeitado para a xestión da EIEL, estudo de infraestruturas da Deputación da Coruña que permite o control e verificación dos equipamentos municipais.
Pois ben, segundo conta o órgano provincial e se fai eco o Centro Mancomún, o aplicativo vén de ser obxecto dunha serie de melloras. Esta nova versión, a 2.1, desenvolvida xunto coas anteriores polo Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, inclúe tamén os recursos precisos para levar a cabo a análise, a xestión e a validación dos datos da base de datos da EIEL, engadindo reestruturacións e melloras dos módulos e das funcionalidades.
Arestora, a ferramenta está a ser empregada polo servizo de Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña como alicerce para o Plan Estratéxico Provincial, a redacción dos proxectos provinciais financiados con fondos europeos FEDER para o período 2007-2010, e a realización de variadas iniciativas do organismo provincial, así como polos propios concellos da dita provincia. O código fonte da nosa versión pode descargase dende esta ligazón.

PUBLICIDADE