A Deputación da Coruña e AGALURE combaten a ludopatía online cun vídeo nas redes sociais
luns, 3 de maio do 2021
A
Deputación
da Coruña e AGALURE lanzan a campaña Non xogues co xogo. Aposta
pola vida para loitar contra a ludopatía na mocidade e, nun
ámbito máis específico poñer o foco nun uso racional das novas
tecnoloxías e dos servizos de xogos e apostas online. A
campaña apóiase directamente nun vídeo que se está a difundir nas
redes sociais dende este primeiro de maio. Está protagonizado
por Xosé Antonio Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva
Iglesias e o dúo Verto. A iniciativa fará fincapé nos centros
educativos dos concellos.
No
vídeo lánzanse dúas mensaxes ben claras: “As apostas deportivas
non son un xogo” e “cada vez son máis os casos de ludopatía
entre a mocidade”.
O
vídeo desta campaña, coa que se pretende concienciar á mocidade
dos problemas de adicción que carrean as apostas e os xogos de azar
desde as idades máis temperás, difúndese nas redes sociais
(Facebook, Instagram e Twitter) da Deputación da Coruña e tamén
nas de AGALURE para “chegar directamente ao público obxectivo
desta acción a través das canles de comunicación que máis
empregan”.
Segundo
os informes de AGALAURE, mentres que a adición ás máquinas
comecartos descendeu nos últimos anos, as apostas deportivas e o
xogo en liña experimentaron “un notábel incremento, tamén
durante a pandemia”. E engade a organización: “Este novo perfil
de adicción ao xogo afecta a persoas con idade media cada vez menor
e o tempo de latencia para adquirir a dependencia é moi inferior no
xogo en liña que nas máquinas recreativas”.
O
programa estase desenvolvendo en 18 centros educativos de ESO das
distintas comarcas coruñesas e está centrado especialmente nas
apostas deportivas e o xogo en liña, que segundo os datos da
entidade, “é o que máis medra entre a mocidade e o principal
motivo das consultas que lles chegan nos últimos anos”.