A Campus Party europea reunirá a 10.000 seareiros TIC en Berlín, da man de Telefónica

martes, 31 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Mentres haxa internautas que queiran verse logo de tanto comunicarse en liña e mentres haxa xente disposta a probar xeitos alternativos de pasar unhas vacacións, haberá festas informáticas. E o de “xeitos alternativos” vén máis a conto ca nunca para falar dun dos eventos que máis se resiste a morrer de tódolos eventos desta índole, Campus Party, que desta volta celébrase nas instalacións dun aeroporto histórico, o de Templehof, sito en Alemaña (Berlín), emprazamento da nova edición da xuntanza entre o 21 e o 26 de agosto. Alí daranse cita 10.000 seareiras e seareiros da informática e de tódalas cousas relacionadas coa mesma (gadgets, consolas, redes, computadores, software) chegados de tódolos recantos de Europa. Esta nova edición conta co pulo da española Telefónica. A nova convocatoria, edición europea, foi presentada este luns como o evento TIC máis importante de todo o planeta, e probablemente, tendo en conta as súas dimensións e o número de participantes aos que vai dar cabida, que así sexa.
Trátase da primeira entrega que se desenvolve en Berlín e, segundo apuntou Telefónica, será sen lugar a dúbidas a entrega máis ambiciosa de cantas se teñen levado a cabo. A operadora tamén informou que o obxectivo común desta multitudinaria festa está máis que definido: reescribir o código fonte de Europa, “ofrecendo distintas solucións a cinco problemas da axenda dixital da UE”.
Amais disto, o evento servirá tamén para achegarlles (e permitirlles que achegen, porque os participantes adoitan a ser, tamén, desenvolvedores) as últimas novidades en innovación, creatividade, ciencia e lecer dixital. Haberá, sinala Telefónica, máis de 400 horas de contidos e actividades, nas que participarán persoeiros como por exemplo o escritor brasileiro Paulo Coelho, ou o meirande impulsor mundial do que se coñece como startups tecnolóxicas, o israelí Yossi Vardi. Telefónica concorre no evento como principal promotora, “tal e como veu facendo nos últimos anos en España e nos países latinoamericanos, fornecendo sempre da mellora tecnolóxica ao servizo total dos campuseiros”.

PUBLICIDADE