A CRTVG permitiranos seguir en tempo real a Lucía Pérez e Tonhito de Poi facendo o Camiño de Santiago

venres, 17 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Labovisión, o Laboratorio de Innovación Audiovisual de Galicia promovido pola CRTVG, quere introducir o concepto de slow tv ou televisión amodiño ao público galego a través do proxecto Destino Santiago, que consistirá na retransmisión de máis de doce horas diarias ininterrompidas de programación en streaming cubrindo as distintas etapas do Camiño Francés a Santiago de Compostela ao longo de 40 xornadas.
A viaxe estará protagonizada polos artistas musicais Lucía Pérez e Tonhito de Poi, e contarán coa cobertura total dos distintos soportes da CRTVG, de xeito que, aparte da súa retransmisión a través da Internet, tamén contará con conexións na Televisión de Galicia (en A Revista e na Área pública) e na Radio Galega (nos espazos Galicia por diante, A Tarde e Somos quen), para que o público poida facer un seguimento en tempo real de esta curiosa peregrinación.
A viaxe botará a andar o 21 de marzo en Roncenvalles, e dende destinosantiago.gal poderanse seguir as retransmisións de 8:00 a 20:00 horas de cada día. A experiencia tamén abrirase á interacción a través das redes sociais e cun chat que permitirá conversar cos protagonistas.

PUBLICIDADE