A CNMC rebaixa os prezos do acceso indirecto á banda larga de Telefónica

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) aprobou unha nova oferta maiorista de fibra óptica que contén as condicións técnicas do novo servizo maiorista de acceso á rede de fibra óptica de Telefónica (a chamada NEBA local), que estará dispoñible dentro dun ano atendendo á regulación maiorista dos mercados de banda larga aprobada o ano pasado, que permitirá que nas zonas onde non existe suficiente competencia nas redes de fibra óptica Telefónica terá que ofrecer aos seus competidores a súa rede.
No caso galego Telefónica estará obrigada a compartir a súa rede de fibra óptica até o fogar (FTTH) en todo o territorio coa única excepción da cidade de Vigo, onde considérase que hai competencia dabondo en redes de nova xeración. Deste xeito teremos como o mercado da fibra óptica adoptará unha fórmula de explotación semellante ao que tiñan as redes ADSL, pero cunha importante mellora na calidade das comunicacións, que actualmente chegarían até os 300 Mbps simétricos.
Paralelamente a CNMC tamén aprobou unha importante redución dos prezos maioristas por capacidade, ou sexa, os que pagan outros operadores a Telefónica por acceder á súa rede de fibra e cobre en acceso indirecto. Concretamente falariamos dunha rebaixa do 40%, de xeito que o prezo por capacidade pasaría de 7,98 a 4,79 euros, o que podería reflectirse nas ofertas que os operadores fan aos usuarios. O acceso indirecto supón que os operadores alternativos non teñan que instalar os seus equipos en cada central, senón que chega con que teñan un punto de interconexión por provincia, reducindo considerablemente o seu investimento fronte á oferta de acceso directo, que pola contra facilita a oferta de servizos diferenciados en calidade e prezo.

PUBLICIDADE