A CMT dá luz verde á rede Wi-Fi municipal de Barcelona

mércores, 3 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Tras recibir a preceptiva autorización da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, este mes comezaranse a instalar os 500 puntos de acceso Wi-Fi que prevén montar na cidade de Barcelona de aquí a finais de 2010, estimando que no verán cheguen aos 177 puntos de acceso.
Pero esta conexión á Rede sen fíos estará limitada, de xeito que o tempo de uso non poderá superar a hora diaria, a velocidade será de só 200 Kbps e non funcionarán nin as páxinas web para adultos, nin as aplicacións P2P, nin os servizos de VoIP. Deste xeito buscan que esta rede non sexa unha ameaza para as operadoras de telecomunicacións tradicionais que poidan ver os seus intereses prexudicados, evitando facer competencia desleal (o que no pasado levara á CMT a impedir unha iniciativa semellante no Concello de Barcelona).
Este novo servizo Wi-Fi poderá operar de balde durante o seu primeiro ano, e na súa segunda fase deberá contar con opcións Premium na que melloren as velocidades de acceso (aínda que sexan de pago).

PUBLICIDADE