A Biblioteca Ánxel Casal avanza na accesibilidade

luns, 28 de marzo do 2011 Redacción

Francisco López, director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, presentou hoxe o novo servizo Biblioteca Accesible da Biblioteca Ánxel Casal, que pretende que calquera persoa con eiva física poida acceder á biblioteca e aos seus recursos informativos.
A biblioteca compostelá consolídase como «un lugar para o libro moderno, actualizado e orientado a todos os públicos» en palabras do director xeral do Libro, e co servizo Bilioteca Accesible contribúe a « mellorar a accesibilidade e permitir que as persoas con circunstancias físicas especiais poidan gozar do pracer da lectura e dos recursos audiovisuais que lles poidan interesar».
Concretamente os novos recursos informáticos dispoñibles na Biblioteca Ánxel Casal son 2 ordenadores de sobremesa con periféricos e programas especialmente adaptados a persoas con problemas físicos ou cognitivos achegados polo Programa TIC TAC Adapta. A Biblioteca tamén conta con 20 netbooks para todo o público, que tamén están equipados con programas accesibles.

Francisco López, está mañá na Biblioteca Anxel Casal

Asemade, tamén existe unha pequena colección de libros, audiovisuais e documentos electrónicos está dirixida a colectivos que precisan unha atención diferenciada. Os libros de lectura doada foron elaborados con especial coidado para poder ser lidos e comprendidos por persoas que teñen dificultades lectoras ou de comprensión e xeralmente son adaptacións de obras literarias famosas. Empregan unha linguaxe sinxela e concreta e frases breves. En ocasións, o texto acompáñase de breves anotacións para explicar o significado dalgúns vocábulos. O público ao que se dirixe é: persoas xordas de nacemento ou con xordeira precoz, discapacitados psíquicos e persoas con outras doenzas como dislexia, autismo, afasia, etc.
Para os usuarios invidentes tamén hai unha sección de lecturas con textos en Braille ou en formato DAISY (para unha boa conversión texto a voz), así como audiolibros.
Tamén están dispoñibles CD-ROM multimedia con xogos para persoas con algunha discapacidade cognitiva. Diríxense a discapacitados psíquicos e persoas con outras doenzas como autismo, afasia, Asperger, etc.

PUBLICIDADE