A AMTEGA e o CPETIG confirman a celebración da VII Xornada de Informática Xudicial

mércores, 29 de marzo do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaborarán na celebración da VII Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, segundo se recolle no acordo asinado recentemente pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata, no que tamén se recolle unha novidade: a celebración do I Congreso de Xestión de Proxectos de Software e a continuidade de accións formativas sobre Seguridade Informática e Scratch. Para posibilitar estas iniciativas a AMTEGA achegará 34.000 euros.

VII Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos

A celebración da VII edición da Xornada de Informática Xudicial permitirá un ano máis que os profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.) asistan a relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos.
Tal e como vén ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

#SilverBullet17

O acordo entre a AMTEGA e o CPETIG tamén recolle a celebración no mes de maio de #SilverBullet17, a primeira edición do Congreso de Xestión de Proxectos de Software, dirixido a profesionais responsables de proxecto, xefes de área, analistas ou estudantes de últimos cursos de Informática, ao obxecto de fomentar a adquisición de habilidades como a xestión de recursos humanos, a comunicación ou o liderado. A cita contará con relatores de referencia no sector.

Cursos sobre seguridade informática e Scratch

O convenio entre as entidades tamén inclúe a celebración dun curso sobre seguridade informática e normativa, no que se abordará a auditoría do esquema nacional de seguridade, o novo regulamento europeo de protección de datos e o goberno, risco e cumprimento no relativo á seguridade da información.
O CPETIG tamén organizará o III Scratch Day, que nesta convocatoria incluirá a robótica como novidade, posibilitando que os escolares asistentes, de entre 7 e 15 anos, que deben ir acompañados polos seus pais ou nais, poidan programar accións sinxelas a asistir a demostracións prácticas de robótica.

PUBLICIDADE