A AMTEGA convoca a IX edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con licenza libre

venres, 27 de maio do 2016 Marcus Fernández

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convoca a IX edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e difundir ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.
O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2015-2016. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o domingo, 2 de outubro.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

PUBLICIDADE