A AGA retoma o modelo dos encontros virtuais para debater sobre o audiovisual

luns, 16 de xuño do 2008 Raquel Noya

Logo do éxito acadado nas xornadas de reflexión sobre O estado das cousas no eido audiovisual galego celebradas o pasado ano, a Academia Galega do Audiovisual volve á carga e leva a cabo unha segunda edición deste evento, que este ano se coñece baixo nome Encontros virtuais, xa que se desenvolverá a través de foros de Internet abertos para este fin na web da Academia.
As xornadas, nas que poden participar todos os socios e socias da AGA, foron deseñadas dende a súa primeira edición como un marco no que, unha vez ao ano, os profesionais do audiovisual se paren a reflexionar e debater sobre diversos aspectos da realidade do sector en cada momento.
Na presente edición, os catro temas elixidos e que dan nome a outros tantos encontros virtuais son, por orde de celebración: O clube dos 13, Literatura e cinema: Serezade ante o meigo, A lingua fendida. O audiovisual e o galego e, finalmente, Premios e galas.
Os foros abriranse gradualmente na web da Academia e cada un deles terá un mes de duración. Como punto de partida para a análise e discusión, cada foro arrincará cun relatorio virtual ou documento encargado pola Academia a un experto, no que este aporta a súa visión do tema en cuestión.
O primeiro dos foros, posto en marcha hoxe, parte do manifesto do Clube dos 13, asinado por trece profesionais do cinema francés como resultado da súa posta en común sobre as dificultades que atopa a produción fílmica en Francia na actualidade. O obxectivo é valorar as similitudes co caso galego e debullar entre todos as posibles liñas de actuación para a mellora do sector.
As datas de apertura dos seguintes foros son:
- Literatura e cinema, Serezade ante o meigo: día 20 de xuño.
- A lingua fendida. O audiovisual e o galego: día 25 de xuño.
- Premios e Galas: día 30 de xuño.

PUBLICIDADE