A AETG sostén que para a chegada da banda ampla ó rural débese combinar ADSL con WIFI e WIMAX

martes, 3 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Cómpre non enganarse: unha boa parte do rural galego fica aínda na escuridade da fenda dixital. A raizame deste grave problema non se pode atopar nun único sitio, aínda que está claro que as operadoras que adoitan a achegar servizos de acceso e as institucións públicas responsables terían moito que dicir ó respecto. Se cadra, tampouco andaremos desencamiñados se lle botamos unha parte da culpa á nosa particular orografía, aínda que esta non foi votada, nin nos representa, nin ten (como teñen as operadoras) responsabilidade algunha co espallamento da Sociedade da Información. A nosa paisaxe, a menos culpable das culpables, non lle acae ben á Rede (e viceversa) e diso precisamente, ou máis ben de procurar un meirande “entendemento” entre a Internet e o rural galego, é do que trata o acordo asinado entre a Consellería de Innovación e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) para procurar vieiros que leven a banda ampla até o máis recóndito.
Este acordo, que se vén de renovar (na imaxe) este martes 3 coa achega de 215.144 euros por parte da Xunta encamiñados ó seguimento da implantación da Rede no rural, semella que deu os seus primeiros froitos. Algúns deles son os estudos da AETG nos que, entre outras cousas, se indica que tecnoloxías lle acaerían mellor á Galiza que aínda fica fóra de liña. A xuízo dos enxeñeiros, a solución pasa pola mestura de tecnoloxías con fíos (ADSL) e sen fíos (WIFI e WIMAX).
As demais conclusións das investigacións (Escenarios de aplicación para as redes de banda larga en Galicia, Informe sobre as opcións para o despregue da banda larga en Galicia e Estado da arte en redes de banda larga) pódense consultar xa na web da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.
Segundo informa a Consellería de Innovación, os enxeñeiros coinciden na imposibilidade de aplicar unha única tecnoloxía que, aplicada de xeito uniforme, remate definitivamente co problema da fenda dixital no rural. De feito, os responsables do estudo recomendan, como dixemos, a aplicación dunha mestura das posibilidades existentes na actualidade. Tras desta proposta atópase o convencemento de que estas tecnoloxías van mudar co tempo, ó igual que as demandas dos usuarios, que probablemente nun futuro próximo requiran máis velocidade na transmisión de datos cá que pode ofrecer unha única tecnoloxía. O principio da solución, din, pasa por unha cobertura das redes de fíos en combinación con redes sen fíos. Asemade, salientan a importancia de ter programas que fomenten a formación e a demanda co fin de que a chegada destas infraestruturas sexa sostible e rendible a longo prazo.

PUBLICIDADE