A AELG organiza co gallo da festa das Letras un curso virtual sobre Curros Enríquez

venres, 9 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Na listaxe de actividades presentadas os días pasados para celebrar a festividade do 17 (lembremos: as nosas Letras e as nosas redes) inclúese unha interesante actividade de tipo formativo. Trátase do Curso virtual sobre Curros Enríquez, unha serie de clases a distancia baseadas en software libre, con relatorios feitos por Internet e participación mediante chat. Con esta actuación, os participantes poderán recibir os relatorios entre outros de Neira Vilas, Anxo Angueira, Francisco Rodríguez ou Rosa Aneiros.
Na organización está a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Celebrarase os días 6, 8, 13 e 15 de maio, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, en horario de 17 a 20.00 horas.
As xornadas sobre Manuel Curros Enríquez, do que se cumpren 100 anos do falecemento, deseñáronse en forma de curso dirixido especificamente ao persoal docente de Lingua e Literatura galegas do terceiro ciclo EPO, dos dous ciclos da ESO e do Bacharelato.
As actividades deseñadas oriéntanse a conseguir acadar unha competencia importante na xestión de recursos en liña e información dispoñíbel en internet, fornecer o contorno educativo de materiais susceptíbeis de seren utilizados polos/as usuarios/as nas aulas, de xeito que as actividades poden ser personalizadas.
Durante as xornadas trataranse aspectos literarios, contextuais e de relación con outras artes desde a obra de Curros.

PUBLICIDADE