6 proxectos de investigación do CITIC seleccinados na 2ª convocatoria dos fondos FEDER - Innterconecta

luns, 22 de xullo do 2013 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Coruña viu como 6 dos 10 proxectos presentados á convocatoria de 2013 dos fondos FEDER - Innterconecta para Galicia foron seleccionados. Este número pode aumentar nos vindeiros días xa que aínda está pendente a resolución dun proxecto.
O programa FEDER - Innterconecta promove a cooperación entre empresas e organismos de investigación como o CITIC, polo que ten como requisito que cada consorcio beneficiario ten que contar cun mínimo de tres empresas e unha participación mínima dun 15% dun Organismo Público de Investigación.

12 contratos con empresas


O CITIC asinou doce contratos con empresas para o desenvolvemento destes proxectos, recibindo dos fondos FEDER -Innterconecta unha cantidade próxima ao millón de euros para a súa posta en marcha, sendo o único Organismo Público de Investigación nalgunhas destas iniciativas.
O CITIC participou nesta convocatoria a través das súas Áreas Tecnolóxicas en liñas de especialización TIC nas que son expertos. Os proxectos do CITIC seleccionados nesta segunda convocatoriaFEDER - Innterconecta presentan beneficios en diferentes sectores como, por exemplo, o sanitario. Dúas destas iniciativas céntranse na saúde, incorporando unha delas a tecnoloxía cloud computing para mellorar a comunicación médico-paciente sen que a propia tecnoloxía sexa un obstáculo para as persoas máis alleas á utilización desta, mentres que outra deseña un sistema de telemedicina avanzado aplicado á atención de pacientes con enfermidades reumáticas utilizando tecnoloxías táctiles.
Ademais, de cara á optimización do sector TIC, un dos seis proxectos escollidos reduce o tempo de aprendizaxe dos enxeñeiros informáticos mediante a aplicación de técnicas usadas nos xogos. Neste mesmo campo tamén se inclúe o desenvolvemento de tecnoloxías que flexibilice e mellore a designación do equipo humano para un determinado proxecto, adaptándose ás necesidades que presente, o que permite asignar o persoal exacto e mellor cualificado.
Os dous proxectos restantes teñen aplicacións máis industriais. Por un lado, un promove o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a fabricación e operación de caldeiras de biomasa de alta eficiencia. Por outro, dende o CITIC trabállase nun innovador software que permita obter un novo sistema de conformado térmico automático para estruturas navais que favoreza o dobrado das placas do casco dos barcos.

Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por::

PUBLICIDADE