2008: o mellor ano para a TDT en España

martes, 10 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Televisión Dixital Terrestre, a tenor das vendas de receptores, semella que vai a bo ritmo en España. Polo menos se temos en conta os datos xerais: outra cousa é que fagamos distincións nas cifras entre o que acontece nas cidades e o que ocorre no rural: iso sería outro cantar. Con todo, para o Ministerio de Industria as cifras falan por si soas e 2008 foi con moita diferenza para esta tecnoloxía a nivel estatal: durante a campaña de Nadal de decembro de 2008, a taxa de comercialización de receptores situouse nas 1.016.000 unidades vendidas, o que significa un medre de case o 50% con respecto aos números do ano anterior, no que se puxeron no mercado no español arredor de 685.000 aparellos.


Vídeo promocional da TDT

Segundo datos de Impulsa TDT (a Asociación para a Implantación e Desenvolvemento da Televisión Dixital Terrestre), en todo 2008, a cifra de descodificadores distribuídos dende os establecementos situouse en 7.089.000 unidades, unha cifra que achega un crecemento do 51% en comparación coa do ano 2007. Para falármonos en termos absolutos, dicir que a cantidade total de sintonizadores comercializados chegou ao peche de 2008 aos 15.220.570.
A xuízo do Ministerio de Industria, non hai dúbida da relación entre o medre das cifras e as campañas de promoción desenvolvidas dende o Goberno entre o 2 de decembro de 2008 e o 5 de xaneiro deste ano. Por dicilo doutro xeito: a publicidade posta en marcha semella que deu no cravo á hora de promover os descodificadores como os agasallos máis axeitados para pendurar da árbore de Nadal. A intención da campaña, enleadas aparte, non era outra que aumentar a penetración da Televisión Dixital Terrestre con vistas ao cada vez máis preto apagamento analóxico: ese proceso no que todos aqueles que non teñan posibilidade de acceder á TDT (posibilidade en boa medida dada polo descodificador) disporán da tele única e exclusivamente para dar soporte a fotografías de familia e a souvenirs con feitura de bailarinas flamencas. Para quen non o saiba, relembrarlle que o dito apagamento está previsto para o 3 de abril de 2010.

PUBLICIDADE