1977, da galega Peque Varela, mellor videocreación de MIVICO

luns, 6 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Finalmente todo se aliou para que a Mostra Internacional de Videocreación do Condado (MIVICO) fose un éxito: o clima, a predisposición do público da vila de Ponteareas e do resto de Galiza e a propia calidade intrínseca das obras presentadas. Como a da gran gañadora do certame, a película 1977 da directora galega Peque Varela, que foi elixida a mellor videocreación do festival. A película, da que xa falamos nesta mesma web para dar conta da súa concorrencia en Sundance (o encontro por excelencia do cinema indie en Estados Unidos), xira arredor dunha cativa que procura sen descanso a súa identidade nunha cidade pequena.
Na Internet hai algúns recursos de interese sobre o tema: a do Festival de Sundance, a da páxina web da Escola de cinema que achega recursos a Peque Varela (escola inglesa) ou a do sitio da peza en cuestión.
Ademais de 1977, o xurado do festival de Ponteareas tamén acordou recoñecer o valor de Bata por fóra/muller por dentro, de Claudia Brenlla e do filme After Shave, de Daniel Castro, obras gañadoras nas categorías de mellor documental e mellor curta de Ficción.
Os premios, dotados dunha contía económica de 400 euros e un Miviquiño (feito pola artista gráfica Noelia Outeda), entregáronse esta pasada fin de semana no Centro Sportivo da vila pontevedresa, o espazo no que, por certo, se desenvolveron todas as proxeccións.
A película Bata por fóra/ muller por dentro, da directora brasileira de orixe galega Claudia Brenlla, foi rodada en galego e alemán e preséntase como unha oda á prenda de vestir máis empregada en Galiza, a bata. Claudia Brenlla neste documental experimental retrata as mulleres que usan esta prenda, os vínculos que existen entre todas elas e o propia bata como símbolo. A banda sonora contou coa colaboración do músico El Puto Coke.
O premio mellor curta de ficción foi para a obra do director Daniel Castro After Shave. O filme xira ao redor da separación dunha parella. O día que Ali, moza do protagonista, o abandona, chega a casa a videocámara coa que pensaban gravar os seus momentos máis íntimos. A ironía e o humor, ao tempo que a experimentación e o emprego de técnicas narrativas pouco convencionais valéronlle ao filme para facerse co premio.

PUBLICIDADE