13 TV chegará á TDT en novembro

venres, 8 de outubro do 2010 Marcus Fernández

As novas canles na TDT continúan a perfilares, e agora sabemos que en novembro comezarán as emisións de Canal Trece-TV a través do múltiplex de Veo TV (que compartirá con Veo7, AXN e Marca TV) e que buscará captar a un público que «non busca a crispación política ou a degradación moral das persoas. Propugnará e apoiará os valores tradicionais como a familia, a dignidade e a honestidade» segundo os seus promotores.
O acordo con Veo7 ten unha vixencia de 15 anos e pretendía estrearse coma 10 TV, pero tiveron que mudar de nome para evitar confusións coa nova canle de Vocento (La 10). A programación de 13 TV xa está deseñada, e contará con informativos, espazos de lecer, de servizo social, programas familiares… e incluso ofrecerán diariamente a Santa Misa, seguindo os pasos de Popular Televisión, canle coa que teñen previsto establecer un convenio de colaboración.

PUBLICIDADE