Xuíces, fiscais e letrados esixen ferramentas informáticas para empregar o galego nos xulgados

luns, 16 de xuño do 2025 S. P.

A Irmandade Xurídica Galega compartiu un comunicado remitido a ao ministro de Justicia e ao conselleiro de Xustiza no que se lles reclama a normalización do uso do galego nos órganos xudiciais de Galicia. O escrito foi asinado por máis de 350 profesionais da Xustiza, entre os que se atopan 93 xuíces e fiscais. 15 letrados de xustiza, 3 presidentes de audiencias provinciais e 2 fiscais xefes.
Os asinantes, entre os que se encontran o presidente do TSXG e os titulares das audiencias provinciais de Lugo e Pontevedra, reclaman que “a aplicación informática Atenea, que se prevé implantar nos vindeiros seis meses, permita a redacción de documentos tanto en galego como en castelán, para facilitar o emprego de ambas linguas en igualdade de condicións”.
Ademais, indican que o sistema informático MINERVA, vixente ata o momento, “non dispón dos modelos documentais necesarios en lingua galega e dificulta o emprego deste idioma, pois supón un traballo a maiores por parte dos profesionais da Xustiza”.
Por outra banda, os profesionais da Xustiza explican que “ao longo dos máis de vinte anos de vixencia da aplicación Minerva, nin a Administración estatal forneceu o recurso en galego nin a Autonómica procedeu á súa tradución”, en consecuencia “o persoal da administración que tivo que tramitar o notificar resolucións en galego debeu crear arquivos separados de modelos de documentos cos que reemprazar os da aplicación, o que incrementou exponencialmente a carga de traballo e, en consecuencia, o retardo na súa tramitación”.
Consideran tamén que “a introdución da nova aplicación Atenea é a ocasión axeitada para corrixir esta deficiencia e proporcionar os materiais necesarios para asegurar a cooficialidade das linguas na Administración de Xustiza”.