Xa están á venda as entradas anticipadas para asistir á vindeira Lérez Up

xoves, 1 de agosto do 2024 S. P.

A organización da feira pontevedresa Lérez Up, salón de videoxogos e cultura friki, comunicou que a partir deste 1 de agosto están á venda en liña as entradas anticipadas para asistirmos ao dito evento, impulsado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra. Celebrarase entre o 28 e o 29 de setembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez.
Antecedentes
Máis de 4.000 persoas apaixonadas dos videoxogos, a cultura xaponesa e o lecer alternativo, non quixeron perderse a Lérez Up o verán pasado. Un punto de encontro que conta coa participación de diferentes asociacións que traen un abano de actividades para todos os gustos: obradoiros, charlas de arte e videoxogos, torneos, xogos de mesa, Magic, cosplay, karaoke, k-pop, simracing e VR e máis.
Zonas populares e novidades
Este ano mantéñense as zonas populares como a Zona de Consolas (con xogo libre e torneos, entre os que se atopan Mario Kart 8, Street Fighter 6, Duck Game, Switch Sports e máis), a Zona de PCs (tamén con xogo libre e torneos de Valorant e League of Legends, con inscricións abertas ata o 18 de agosto), a Zona de Casetas (con máis de 60 postos de artistas e comerciais), ou a Zona de descanso (con diferentes foodtrucks para todos os gustos); e como novidade, haberá zonas novas: unha dedicada á saga Star Wars (con duelos e obradoiros para crear o noso propio sabre de luz), e outra pensada para os fanáticos da cultura coreana con actividades relacionadas co mundo do K-POP, nas que destaca o Concurso de Dance Cover. As inscricións xa están abertas, cun máximo de 10 prazas para cada categoría, e contan con premios de 70€ para solistas e 200€ para grupais.
Tamén se ampliarán a Zona de Xogos de Mesa (onde este ano haberá tamén torneos de Warhammer), a Xona de Magic (bautizada este ano como Zona Card Games, ao incluír novos xogos de cartas como Pokemon ou Lorcana), e a Zona de Smash (que este ano pasa a chamarse Zona Fighting Games) ao incluír tamén o torneo de Tekken 8, ademais do nacional de Smash Bros (competición que reuniu a máis de 100 persoas de todo o país e de partes de Portugal na edición pasada).
A convención incluirá tamén unha área con postos dedicados aos xogos indies. Desenvolvedores e creadores independentes presentarán os seus propios videoxogos que o público terá a oportunidade de probar e coñecer.
Ademais, entre a programación haberá oco para contidos didácticos, con charlas de arte (A viaxe de ser ilustrador editorial impartida por Raisa; e Ser autónoma e ilustradora: Guía práctica por Alba Santa) e do mundo do Cosplay (Guía para o teu primeiro concurso de cosplay e Siluetas e tecidos para cosplay impartidas polo xurado profesional do Concurso de Cosplay, Kaisiwiwi, MeryNyan e Akurin). Tamén se poderá asistir a pequenos obradoiros creativos, con inscrición no propio evento: Retrato a bolígrafo (por Belén Diz), Caligrafía xaponesa (pola Escola Oficial de Idiomas de Vigo), Deseño de personaxes (por Limbo Illustration) e Crea os teus propios accesorios de origami (por Alan Pettinari).