WhatsApp Business explora novas posibilidades
xoves, 12 de setembro do 2024
Un dos poucos países do mundo nos que o uso de WhatsApp é tan masivo como o de España é a India, e como mostra diso temos que Meta decidiu convocar alí a primeira edición do WhatsApp Business Summit, un encontro no que amosar novidades da aplicación para as empresas, que botarán a andar inicialmente no país asiático, pero que moi probablemente chegarán en breve ao nosos territorio.
Unha importante novidade é que a aplicación de WhatsApp Business, moi empregada por pequenas empresas, poderá adherirse ao programa Meta Verified, o que permitirá que un negocio que se subscriba ao servizo poida lucir un selo de verificación para que os clientes da empresa poidan fiarse da súa autenticidade.
Este servizo non se limita a amosar a marca de verificación, senón que tamén inclúe protección contra a suplantación de identidade, soporte técnico e características para facilitar unha maior visibilidade da marca. O selo de verificación tamén estará visible nas canles e páxinas de WhatsApp das empresas que o contraten.
Outro servizo de pagamento que estrean hoxe na India son as mensaxes personalizadas, de xeito que as empresas poden así enviar felicitacións de aniversario, recordos de citas ou incluso ofertas dun xeito máis áxil e eficiente. Estas comunicacións non serían mensaxes masivas, senón que poderían personalizarse co nome do cliente, incluír botóns de acción personalizables e programarse para que se envíen a un día e unha hora en concreto.
Lembremos que WhatsApp Business non serve só como unha versión para empresas da mensaxería de WhatsApp, senón que tamén conta con opcións para amosar información de negocios (como horarios e localización) e incluso pode achegar un catálogo de produtos e servizos, facilitando a comunicación entre negocios e clientes.
- WhatsApp Business ofrece xa na India a función de mensaxes personalizadas para axilizar a comunicación cos clientes