Vodafone España facturou 1.368 millóns en produtos e servizos a provedores locais no último ano

martes, 27 de agosto do 2024 S. P.

Vodafone España adquiriu produtos e servizos por un total de 1.368 millóns de euros a provedores locais con sede social en España, o que supón o 89,5% das súas compras totais, a peche de marzo de 2024. No seu balance a operadora fai saber que esta iniciativa reflicte “un esforzo significativo por apoiar e promover o desenvolvemento do tecido empresarial, integrando activamente aos provedores locais na súa cadea de subministro”. Desta forma, a operadora mellorou a súa eficiencia operativa e reduciu a pegada ambiental asociada co transporte e coa loxística.
A compañía engade que o seu modelo de selección de provedores permite avalialos “segundo o seu compromiso e desempeño e segundo criterios de diversidade, inclusión e sustentabilidade”. Anualmente realízase unha avaliación aos provedores, tanto pola tipoloxía de produtos e servizos fornecidos como polo seu nivel de facturación, na cal valórase non só a calidade do servizo senón tamén o cumprimento de entregas e a satisfacción destas, e establécense plans de mellora cando procede.
Ademais, Vodafone España intensificou os seus esforzos en reducir a súa pegada de carbono mediante a ferramenta Celonis, un cadro de mando que fai seguimento da pegada de carbono xerada polos seus provedores.