Vitae achéganos á excelencia no manexo dos datos cun curso centrado en Databricks
martes, 8 de outubro do 2024
Este mes de novembro a consultora galega Vitae, especializada en formación avanzada e actualizada para as e os profesionais dos sectores tecnolóxicos e innovadores, vai organizar un curso destinado a converternos en expertos no manexo, tratamento, análise e almacenamento da información a gran escala, o que se coñece como Big Data. Tratase do curso Databricks para Enxeñaría de Datos, que se celebra os días 12, 14, 18, 20, 21, 26 e 28 de novembro de 2024. Terá 21 horas de duración e desenvolverase en formato de aula virtual.
Segundo explica Vitae con máis detalle, este curso está deseñado para profesionais que desexan obter unha introdución do manexo de grandes volumes de datos utilizando unha plataforma avanzada como Databricks: “Iremos desde os conceptos fundamentais ata a aplicación real de solucións complexas que abordan problemas reais de enxeñería de datos”.
Ademais, con laboratorios prácticos en cada módulo, as persoas asistentes aprenderán a dominar Apache Spark, automatizar pipelines de datos e optimizar os recursos na nube. Ao final do curso, estarán preparadas e preparadas para implementar solucións eficientes e flexíbeis no mundo real, con independencia do tamaño dos datos que manexen.
As sesións serán gravadas para poder ser consultadas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
Os obxectivos desta actividade formativa son os seguintes: comprendermos os conceptos básicos da enxeñería de datos moderna baseada en arquitecturas Medallón; aprendermos a utilizar a plataforma Databricks para a xestión e transformación de datos; coñecer a arquitectura Lakehouse e a súa aplicación en Databricks; realizar transformacións de datos utilizando PySpark; e implementar e xestionar táboas Delta.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.