Veo 7 chega este mércores á TDT

luns, 16 de xuño do 2025 Redacción

Unidad Editorial estrea o vindeiro mércores Veo 7, unha nova canle de Televisión Dixital Terrestre (TDT) en aberto que estará dispoñible en todo o territorio español, ocupando o espazo deixado por Gol Play. A nova canle apostará polo cine contemporáneo, ofrecendo unha ampla selección de títulos nacionais e internacionais de forma totalmente gratuíta.
Durante as primeiras semanas de emisión, Veo 7 ofrecerá películas como Vidas criminales (2013), comedia negra con Jennifer Aniston, Isla Fisher e Tim Robbins; Pixie (2020), protagonizada por Olivia Cooke e Ben Hardy; Weird: La historia de Al Yankovic (2022), biopic humorístico sobre o músico estadounidense; ou Crímenes del futuro (2022), thriller de ciencia ficción dirixido por David Cronenberg e protagonizado por Viggo Mortensen, Léa Seydoux e Kristen Stewart.
Ademais da oferta cinematográfica, Veo 7 incluirá series que deixaron pegada entre os espectadores e que seguen a manter o seu atractivo. Entre elas destaca Los vigilantes de la playa, a produción estadounidense protagonizada por David Hasselhoff, ambientada nas praias de Santa Mónica e Honolulu. Tamén se poderá ver Flashpoint, a serie canadense sobre a Unidade de Resposta Estratéxica, especializada na resolución de situacións críticas vinculadas ao crime organizado.
Este movemento na grella da TDT lembra o que vivimos a comezos de ano con Squirrel, canle que ocupou o espazo de Disney Channel, e que tamén ofrece series de televisión e películas en aberto, dando a impresión de que está a perder interese a explotación da TDT con canles con contido orixinal, por resultar tan complicado conseguir un retorno do investimento na conxuntura actual na que as audiencias están moi fragmentadas, e na que teñen un peso cada vez máis forte as plataformas OTT como Netflix e Prime Video.