Unha aplicación móbil facilita o seguimento da diabetes

luns, 13 de novembro do 2023 Redacción

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou o pasado sábado, no marco da Xornada Diabetes Evolution 2023, que xa está activa, dende hai unha semana, a aplicación Sergas Diabetes, que posibilita a pacientes e a profesionais sanitarios facer un seguimento da enfermidade a través do teléfono móbil, incorporando medicións de glicosa e facendo seguimento do exercicio físico ou controlando valores nutricionais.
A información obtida intégrase coa carpeta persoal do paciente e a plataforma tecnolóxica TELEA, o que facilita que o persoal sanitario acceda a eses datos a través da historia clínica electrónica, e, deste xeito, xerar para o profesional e o paciente informes periódicos de seguimento da diabetes.
Así o remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no acto de inauguración do encontro celebrado na cidade herculina e organizado polo Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, en colaboración coa Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición. O acto contou, así mesmo, coa presenza do xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro.
Comesaña destacou que o Sergas está a coordinar e elaborar a actualización do Proceso Asistencial Integrado (PAI) da diabetes mellitus tipo 2. Segundo o conselleiro, a abordaxe das enfermidades crónicas a través de procesos asistenciais integrados, contribúe á mellora da efectividade das actuacións sanitarias e á diminución da variabilidade clínica.
Este proceso asistencial é froito do consenso dun grupo multidisciplinar de profesionais e, como paso previo á actualización, considerouse adecuado obter unha visión completa da atención que se presta ás persoas con esta patoloxía, para identificar áreas de mellora e determinar retos na súa abordaxe.
A tal efecto, realizáronse un total de 21 entrevistas individuais a profesionais implicados no seu manexo, con representatividade das diferentes áreas sanitarias de Galicia e dos distintos perfís profesionais, ademais de contar coa participación dun representante das persoas con esta enfermidade.
O documento enviouse para revisión externa ás xerencias das sete áreas sanitarias e ás sociedades científicas e asociacións profesionais relacionadas co manexo desta patoloxía.¡
Comesaña remarcou que os piares básicos deste proceso asistencial son a detección/diagnóstico precoz e a prevención da diabetes en persoas de alto risco; a valoración integral da persoa con diabetes e o cribado de complicacións crónicas; o establecemento dun plan de atención individualizado; o seguimento do paciente; e, ademais, a atención ás descompensacións.