Un informe analiza as tecnoloxías emerxentes nas industrias da creación de contidos dixitais
venres, 13 de setembro do 2024
O Spain Audiovisual Hub vén de publicar un novo estudo sobre tecnoloxías emerxentes nas industrias da creación de contidos dixitais para o lecer baixo o título de Radar Tecnológico, financiado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado das Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETELECO).
O texto afonda na industria da animación, os efectos visuais e os videoxogos, que constitúen un ámbito altamente competitivo no que o talento e a tecnoloxía son elementos esenciais para obter unha vantaxe sobre a competencia, representando os gastos relacionados co persoal, o software e o hardware os principais custos que impactan nos beneficios empresariais, requirindo unha xestión meticulosa e precisa.
O documento analiza o papel crucial da tecnoloxía e como unha estratexia ben estruturada e revisada periodicamente poden influír significativamente na creación de novos servizos e na redución de custos de produción de contidos existentes.
O informe foi elaborado por un panel de profesionais entre os que destacan os galegos Manuel Meijide (director de Mundos Digitales) e Alba Meijide (consultora en IA e unha das persoas impulsoras da iniciativa AI Assemble).