Un concurso e un programa escolar axudarán a concienciar ao alumnado sobre ciberseguridade

xoves, 21 de setembro do 2023 Redacción

A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará en Santiago os días 2 e 3 de novembro, volverá a acoller entre as súas actividades máis destacadas o concurso escolar Ciberseguridade no cole! dirixido a centros educativos de Galicia de Primaria e da ESO.
No certame, que conta co patrocinio de Telefónica baixo o paraugas do III Encontro CIBER.gal e da súa colaboración como entidade adherida ao Nodo de Ciberseguridade de Galicia, poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Realizarán unha rolda clasificatoria en liña o día 18 de outubro, na que haberá que responder a unha seria de preguntas sobre ciberseguridade. Durante esta fase seleccionaranse tres equipos de cada unha das categorías (Primaria e ESO), que participarán nunha final presencial o día 3 de novembro no marco das actividades do Encontro e na que colaborará a presentadora do programa DígochoEU da TVG, Esther Estévez.
Os centros que queiran participar poderán inscribirse vía web até o vindeiro 9 de outubro antes das 14:00. Os organizadores agardan superar os resultados da edición anterior, na que participaron case 4.000 escolares entre 10 e 14 anos, e mais de 150 centros educativos de toda Galicia.
A terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, promovida e organizada polo Nodo CIBER.gal, espazo de colaboración público-privado fundado pola Xunta de Galicia a través da AMTEGA, entre outros, reunirá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela aos principais expertos de España en seguridade informática.

Iniciación segura á pegada dixital

O programa de Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais ten entre os seus obxectivos o de reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais. Busca tamén explicar a identidade dixital e a importancia da pegada dixital, afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas. Ofrece, así mesmo, ferramentas e recursos aos que poder acudir as dúbidas sobre o uso seguro da tecnoloxía.
Vai dirixido a alumnado de 2º, 3º e 4º de educación secundaria de centros públicos e concertados. Consiste na realización dun único obradoiro por centro de carácter eminentemente práctico que abordará a xestión segura das redes sociais que máis están a utilizar os escolares. A impartición da dinámica, de hora e media de duración e para un máximo de 30 persoas (da mesma ou de diferentes aulas), correrá a cargo de especialistas da AMTEGA.
En total, executaranse 250 obradoiros que terán lugar desde outubro de 2023 a xuño de 2024 e que se realizarán presencialmente.

PUBLICIDADE