SmartPeme+ achega esta semana seis novos obradoiros TIC de interese para as empresas

luns, 16 de xuño do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+, con potencial para mellorar a competitividede, a rendibilidade e a visibilidade das pequenas e medianas empresas e as persoas autónomas da provincia. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 16 e o xoves 19 de xuño e afondarán en cuestións como o growth marketing, o comercio electrónico, as redes sociais ou o deseño 3D, entre outras.
Este luns 16 celebrarase o obradoiro telemático Bizum: a evolución dos pagos dixitais, a partir das 11.00 horas organizado pola oficina de Acelera Prme Rural de Cambados. Segundo adianta a oficina, Bizum é unha ferramenta de comercio electrónico que xa usan máis de 28 millóns de persoas en España e nesta sesión amosarase como adaptala a cada negocio. Será impartida por José Luis Taboada, asesor da propia oficina de Cambados con máis de 25 anos de experiencia no sector e especialista en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no vía web.
O martes 17, en formato telemático ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro Pinterest para e-commerce coordinado pola oficina do Porriño. Os participantes coñecerán como conseguir máis vendas a través desta rede social da man de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais e especialista en mercadotecnia e dirección comercial. As inscricións pódense realizar no formulario xa dispoñible.
Tamén o martes ás 17.00 horas celebrarase o obradoiro telemático Growth Márketing: estratexias para un crecemento sostible do teu negocio, organizado pola oficina de Pontevedra. Na sesión darase a coñecer como o growth marketing axuda a manter o crecemento das empresas a través da análise de datos, da experimentación e da optimización continua. Será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria profesional asesorando a empresas no ámbito da comunicación e do márketing dixital. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O mércores 18 a Deputación organiza ás 16.30 horas o obradoiro presencial Creación e análise dunha base de datos de aloxamentos na oficina de Acelera Peme Rural de Ponteareas, no que os participantes aprenderán a crear a súa propia base de datos cun rexistro de reservas e clientes, que lles axude na súa toma de decisións. A sesión correrá a cargo de Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións poden realizarse no formulario específico do taller.
O xoves 19, ás 12:00 horas coordinado pola oficina de Barro, celebrarase o obradoiro telemático Deseño 3D online con OnShape 1, xestión documental e primeiro deseño. A sesión abordará como facer deseño asistido por ordenador empregando OnShape, unha solución gratuíta, colaborativa e en liña. Manuel Tornos, asesor do Centro de Educación e Formación de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC será o encargado de impartilo, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
Por último, tamén o xoves realizarase o obradoiro presencial Crea vídeos de alto impacto só co teu smartphone, ás 17.00 horas organizado pola oficina de Cambados. As redes sociais son cada día máis visuais, polo que é importante mostrar todo o potencial das empresas a través de vídeos profesionais. Neste obradoiro, daranse a coñecer diferentes técnicas, tomas e movementos de cámara, así como a mellor maneira de editalos e publicalos. Será impartido por Lara Taboada, licenciada en Deseño Gráfico e Estudos Artísticos, con experiencia en composición fotográfica creativa. As inscricións pódense realizar en liña.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.