Sae á venda o primeiro dron con captura de 360 graos en 8K

mércores, 3 de decembro do 2025 Marcus Fernández

O pasado verán unha nova marca de drons incubada por Insta360 sorprendeu ao mundo anunciando o Antigravity A1, o primeiro dron comercial do mundo con captura de 360 graos en resolución 8K que combina unha experiencia de voo inmersiva con controis intuitivos, introducindo un novo enfoque no uso de drons para a exploración aérea e a creación de contidos.
Aínda que inicialmente anunciaron que o produto chegaría ao mercado en xaneiro, nos EE.UU. poñen as primeiras unidades á venda a través de Best Buy, en lotes con prezos que van dende os 1.599 aos 1.999 dólares (dende 1.371 a 1.714 euros ao cambio), o que pode parecer un prezo elevado, pero é un comezo moi prometedor para un produto cunhas capacidades sen precedentes.
Estamos ante un dron cun peso de 249 gramos (polo que ten poucas limitacións lexislativas), permite realizar voos dende unha perspectiva inmersiva (360 graos) e, como principal vantaxe para os creadores de vídeo, permite que durante a captura de vídeo só haxa que centrase en voar o dispositivo, xa que o encadre pode decidirse posteriormente (pois rexistra todo o que acontece ao redor do dron).
O Antigravity véndese cun visor inmersivo para voar en primeira persoa e cun mando con detección de movemento (xunto con outros accesorios) e polo momento parece estar a aproveitar a complicada situación que ten o seu competidor máis directo (DJI) nos EE.UU. (pois o Goberno estadounidense teima en considerar a súa tecnoloxía como militar, restrinxindo a súa importación). A nivel internacional será máis difícil saber se Antigravity o terá doado, xa que está previsto que en breve DJI presente un produto semellante (o DJI Avata 360).

ACTUALIZACIÓN: A páxina web oficial do fabricante xa ofrece o Antigravity A1 para España por un prezo que parte dos 1.399 euros.