Runway presenta o seu primeiro modelo xeral de mundos

venres, 12 de decembro do 2025 Redacción

A compañía líder na xeración de vídeos mediante intelixencia artificial, Runway, anunciou o lanzamento de GWM-1, a súa nova familia de modelos de mundos xerais deseñados para simular a realidade en tempo real. Trátase dun sistema auto-regresivo construído sobre a tecnoloxía Gen-4.5, capaz de xerar vídeo fotograma a fotograma e de responder de maneira interactiva a accións como movementos de cámara, comandos robóticos ou audio.
O obxectivo destes modelos é representar e reproducir unha ampla variedade de situacións e interaccións semellantes ás que se dan no mundo real. Runway defende que os modelos de linguaxe por si non son dabondo para encarar retos como a robótica, a investigación científica ou a loita contra enfermidades, e que é preciso contar con sistemas que experimenten e aprendan a través da simulación.
GWM-1 preséntase en tres variantes diferenciadas. GWM Worlds permite crear ambientes explorables en tempo real, mantendo a consistencia espacial e reaccionando ás accións dos usuarios, o que abre posibilidades tanto para videoxogos e experiencias inmersivas como para o adestramento de axentes de intelixencia artificial. GWM Avatars céntrase na xeración de personaxes conversacionais que reproducen expresións faciais, movementos oculares e xestos de maneira natural durante interaccións prolongadas, con aplicacións en educación, servizo ao cliente ou entretemento. Finalmente, GWM Robotics ofrece un simulador aprendido para xerar datos sintéticos que faciliten o adestramento e avaliación de políticas robóticas sen depender de hardware físico, permitindo explorar escenarios contrafactuais e mellorar a robustez dos modelos.
Runway destaca que esta aproximación acelera o proceso de aprendizaxe por erro e acerto, ao poder realizarse en contornas simuladas seguras e reproducibles. A compañía xa ofrece un SDK en Python para integrar GWM Robotics en modelos de política robótica, e prepara a incorporación de GWM Avatars e Worlds na súa plataforma web e API.
Con este anuncio, Runway sitúa os modelos de mundos como unha das fronteiras máis prometedoras da intelixencia artificial, ao abrir a porta a simulacións interactivas de propósito xeral que poderían transformar ámbitos como a educación, a investigación ou a creación de experiencias dixitais.

Vídeo de presentación das últimas novidades de Runway