Robótica e XuvenCiencia (USC) luciron proxectos revolucionarios na Maker Faire Galicia

luns, 5 de xuño do 2023 S. P.

Alumnado do grao en Robótica e investigadores do grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus Terra da USC presentaron proxectos de innovación tecnolóxica e kits de experimentación científica na última edición da Maker Faire Galicia, o evento argalleiro-tecnolóxico celebrado esta finde en Santiago, na Cidade da Cultura, no que participaron empresas, estudantes e milleiros de visitantes atraídos pola innovación tecnolóxica.
A delegación luguesa coa que participou a USC na última edición da Maker Faire Galicia permitiu ao público visitante coñecer de primeira man algúns dos prototipos que están a desenvolver o alumnado do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC. Ao fío desta actividade, a feira converteuse durante catro días no escaparate no que seis estudantes da USC deron a coñecer as novas propostas tecnolóxicas que están a desenvolver no marco dos seus respectivos Traballo de Fin de Grao (TFG).
Acompañados dos profesores de Robótica Enrique Comesaña e Roberto Iglesias, así como do subdirector de Calidade da EPS de Enxeñaría da USC, Carlos Núñez, os estudantes Sarah Fernández, Jesús Blanco, Elías Blanco, Carmen Lardín, Julia Rodeiro, Sergio Rodríguez e Miguel Burés, deron conta diante de industrias e do público en xeral das distintas prestacións que ofrecen diferentes innovacións tecnolóxicas que van desde unha cabeza robotizada que interactúa e detecta emocións, un can de seguimento, un dron con sensores que posibilitan ao operador o seu control por movemento, un proxecto de aprendizaxe federado a través do que distintos ordenadores comparten coñecemento a partir de modelos, ou robots humanoides que con habilidades para procesos de rehabilitación ou coa aplicación Chat GPT incluída.
Por outra banda, os kits de experimentación científica desenvolvidos polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC tamén foron protagonistas nesta nova edición da Maker Faire Galicia, un evento no que os profesores Mercedes Novo, Wajih Al Soufi e Jorge Dafonte, así como diversos estudantes de mestrado e doutoramento na USC explicaron aos asistentes e, nomeadamente, ao público máis miúdo, as utilidades científicas dos seus kits educativos e de experimentación (Animal CSI, RescueMe, AquaLab, DNAMeat, Fotometrix, VitroPlant e Photonix Explorer).
A presentación destes dispositivos, que segundo salienta a USC, “abren múltiples posibilidades de investigación nas aulas”, estivo acompañada da organización de charlas divulgativas e obradoiros prácticos sobre a luz e as tecnoloxías que empregan luz, así como noutras sesións nas que as persoas participantes puideron comprobar as prestacións que ofrecen os kits de XuvenCiencia para diferenciar carne de vacún ou porcino a partir dunha PCR, visualizar ADN en mostras de sangue, coñecer a humidade e composición dos solos, observar células en fluxos sanguíneos..., segundo explicou a profesora Mercedes Novo, que tamén é a coordinadora do grupo XuvenCiencia da USC.

PUBLICIDADE