Red Dead Redemption chegará a PC o día 29

martes, 8 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O clásico moderno Red Dead Redemption chegou a PS3 e Xbox 360 en 2010, podendo manterse no tempo grazas á retrocompatibilidade de Xbox One, e tras o éxito da súa secuela recuperou o interese do público levando a que o ano pasado estrease versión para PlayStation 4 (retrocompatible con PS5) e Nintendo Switch, e agora, tras unha serie de rumores e filtracións, Rockstar Games anuncia que o vindeiro 29 de outubro poderemos gozar en PC de Read Dead Redemption e da súa expansión de zombis Undead Nightmare.
Estamos ante unha grande nova para os seareiros das aventuras de John Marston, xa que a chegada a PC do xogo non se limita a permitir gozar dun título histórico, senón que grazas ao traballo de Double Eleven presentará gráficos mellorados, de xeito que poderá correr até a 4K até 144 Hz se contamos con potencia dabondo. O xogo tamén contará con compatibilidade para monitores ultrapanorámicos (21:9) e superultrapanorámicos (32:9), compatibilidade con HDR10, nVIDIA DLSS 3.7 e AMD FSR 3.0, e incluso coa posibilidade de controlarse con teclado e rato.
Falamos dunha auténtica renovación dun xogo que deixou pegada, e que moitos estaban desexando poder volver gozar con dignidade en máquinas modernas, algo que en PC poderá realizarse mellor que en calquera outra plataforma.

Tráiler da versión para PC de Red Dead Redemption