R e MasOrange cubrirán con 5G todos os fogares da Galicia rural co plan UNICO 5G
venres, 12 de decembro do 2025
O concello de Abegondo acolleu esta mañá a presentación do programa UNICO 5G-Redes Activas en Galicia, unha iniciativa financiada polo Fondo de Recuperación da Unión Europea NextGenerationEU e xestionada polo Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O acto contou coa participación de representantes institucionais, da AMTEGA, da Subdelegación do Goberno e das operadoras R e MasOrange en Galicia.
O plan prevé actuacións en preto dun milleiro de estacións móbiles na comunidade, máis de 80 delas de nova construción. Tras a última convocatoria de axudas, resolta a finais de 2024, MasOrange resultou a principal adxudicataria en Galicia, cun investimento previsto de 70 millóns de euros ata finais de 2026, o que supón o 98 % do orzamento asignado á comunidade. Desa contía, 22,7 millóns de euros corresponden á provincia da Coruña, 20,5 millóns a Lugo, 17,6 millóns a Ourense e 9,6 millóns a Pontevedra. A estas cifras súmase máis dun 10 % de investimento xa executado, polo que o volume final achegarase aos 80 millóns de euros.
Actualmente, R e MasOrange levan a cobertura móbil 5G a máis do 95 % dos preto de 250 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes incluídos no plan UNICO 5G-Redes Activas, que ficará completado en 2026. Ademais, xa se construíu ou activou arredor do 80 % da infraestrutura prevista, o que permitirá ofrecer no rural galego un servizo 5G avanzado, estable e cunha latencia moi reducida. Estes concellos representan o 80 % do total da comunidade, aínda que concentran só o 20 % da poboación, o que reflicte o reto que supón garantir conectividade en territorios altamente dispersos.
Entre os municipios que xa dispoñen desta cobertura atópanse Negueira de Muñiz, o concello menos poboado de Galicia, ou Larouco, así como Abegondo, sede da presentación, que se incorpora á listaxe de localidades rurais preparadas para competir en igualdade de condicións cos grandes núcleos urbanos en servizos dixitais.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, puxo en valor «o servizo esencial» que representa a cobertura 5G para a veciñanza. Segundo afirmou, «unha cobertura móbil de última xeración é esencial para o desenvolvemento e innovación no rural, especialmente en puntos onde a orografía dificulta a dotación de fibra», ao tempo que subliñou que «a idea de Abegondo como lugar para vivir con tranquilidade en plena Reserva da Biosfera ten que ir acompañada de servizos de calidade como o de conectividade».
Pola súa banda, o director de R e de MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos, destacou «a importancia de compartir con administracións públicas e institucións este compromiso coa conectividade de Galicia, o que ficou referendado esta mañá en Abegondo (…) Falarmos de 5G UNICO Rural é falarmos de igualdade de oportunidades, a base para que calquera persoa en Galicia poida formarse, traballar e emprender dende o rural en condicións similares ás cidades». Ramos engadiu que «o noso activismo rural consiste en pór a tecnoloxía ao servizo das persoas, do campo, da industria agroalimentaria e da sustentabilidade. E en facilitar que o talento fique ou volva tamén a un rural en igualdade de condicións para competir, medrar e liderar».
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, salientou «o compromiso do Goberno de España coas zonas rurais de Galicia, investindo en conectividade e tecnoloxía para garantir igualdade de oportunidades», e incidiu en que este investimento «non só permite que todos os fogares teñan acceso á tecnoloxía máis avanzada; tamén contribúe ao desenvolvemento económico destas zonas e axuda a fixar poboación, evitando o despoboamento e fomentando que as persoas poidan vivir, traballar e emprender no seu municipio».
Desde a Xunta, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, subliñou a relevancia da conectividade para Galicia e expresou o seu desexo de que «se cumpran os obxectivos de desenvolvemento do Plan UNICO 5G Rural no prazo previsto para lles garantir ás zonas rurais unhas telecomunicacións de voz e datos de calidade».
Xunto ao despregamento móbil, R impulsa tamén solucións de banda larga a través de 5G para fogares sen acceso a fibra óptica. En total, 296 municipios galegos dispoñen xa do servizo Internet rural, que ofrece altas velocidades e Wi-Fi 6 en aldeas e lugares onde non é viable o despregamento de fibra. Cando conclúan os traballos previstos, arredor de 300.000 inmobles dispersos pola xeografía galega poderán acadar velocidades de ata 1 Gbps, cunha experiencia moi próxima á da fibra óptica e moi superior ás conexións vía satélite.
A combinación destes desenvolvementos permitirá que, a curto prazo, a práctica totalidade das vivendas e empresas galegas conten con conectividade móbil e fixa avanzada, tamén no medio rural e en zonas de acceso complicado. Segundo salientan as operadoras, este avance reforza o compromiso histórico de R e de MasOrange coa redución da fenda dixital e co desenvolvemento socioeconómico de Galicia, onde o grupo acumula máis de 2.300 millóns de euros de investimento ao longo da súa traxectoria.
Vídeo promocional do programa UNICO 5G Rural proxectado esta mañá en Abegondo
