R amplía cobertura de banda larga no rural en 76 novos concellos con 5G e coa fibra de Rede Aberta en 278 núcleos
martes, 5 de decembro do 2023
A
operadora galega R fixo balance dos seus últimos e relevantes
traballos de cobertura despregados no rural galego, marcado, como
recordaremos, pola complexa orografía e pola dispersión
poboacional. Segundo informou a compañía, a cobertura de banda
larga de R na Galicia non urbana xa está presente en 76 novos
concellos con tecnoloxía 5G e coa fibra de Rede Aberta en 278
núcleos. Estes avances realizáronse ao abeiro da solución Internet
Rural 5G, (a través do mambo Axiña) destinada a cubrir arredor
de 300.000 inmóbeis que en Galicia, polas dificultades da orografía
das súas contornas, non poden ter acceso á fibra óptica.
Segundo
explica R, “este servizo innovador permite solucionar estas
complexidades e ofrecer aos/ás clientes/as, mesmo de zonas remotas,
Internet de alta velocidade para que gocen tamén alí de todos os
seus servizos cun elevado nivel de calidade”.
Como
dixemos, nos últimos meses R ampliou a súa cobertura de alta
velocidade con Internet Rural en 76 novos concellos, e así, os/as
habitantes destas zonas nun total de 224 municipios galegos das catro
provincias teñen xa accesos de alta velocidade e a posibilidade, por
exemplo, de conectar diversos dispositivos á vez nos seus fogares e
empresas, traballar de xeito remoto ou gozar dos seus contidos de
televisión coa mellor calidade.
R,
pioneira coa súa solución converxente 5G fixo e móbil en Galicia
A
operadora explica que o servizo Internet Rural fai de R “o primeiro
operador que dota dunha solución 5G converxente fixo e móbil a
clientes/as sen fibra en Galicia”. O obxectivo é levar esta
proposta á maior parte dos fogares diseminados pola nosa xeografía
en zonas de difícil acceso. “Na actualidade, o 90 % da poboación
galega dispón de cobertura 5G de R e está preparada para facer uso
desta tecnoloxía avanzada de quinta xeración”, engade a compañía
galega, apuntando que “coa ampliación do novo servizo de Internet
Rural neses 76 novos municipios, un total de 224 concellos galegos
dispoñen xa da solución de R, que lles permite aos seus habitantes
navegaren a altas velocidades, como o fan en 1,7 millóns de fogares
cubertos por R con fibra óptica de última xeración”.
“En
R”, engaden, “levamos 25 anos despregando fibra, rúa a rúa, no
territorio, para dotar a comunidade das mellores infraestruturas de
telecomunicacións e situala á vangarda europea e internacional en
condicións de competir coas rexións máis avanzadas do mundo a
calquera nivel.
Wi-Fi
6 e 5G para minimizar a fenda dixital en Galicia
A
nova solución de Internet rural de R fundaméntase, por unha banda,
na tecnoloxía 5G, cun router que permite conseguir
velocidades de ata 150 Mbps, e, pola outra, no sistema Wi-Fi 6, que
facilita, por exemplo, unha experiencia multidispositivo excelente
para conectar á vez distintos aparellos cunha latencia mínima,
semellante á que terían cunha conexión de fibra (latencia=tempo
que tarda en cargar unha páxina, en enviarse un correo electrónico
ou en executarse unha acción nun videoxogo en liña).
R
informa que “cando nos próximos meses completemos a extensión de
Internet Rural en zonas de difícil acceso poderase dispor das
vantaxes da alta velocidade e das novas tecnoloxías na práctica
totalidade de Galicia, coa conseguinte redución da fenda dixital na
comunidade”.
A
fibra de Rede Aberta, tamén con R no rural galego
Para
ampliar aínda máis a cobertura de banda larga en Galicia e levala a
todos os recunchos da comunidade, R asinou recentemente un acordo co
provedor galego grosista e neutro de telecomunicacións Rede Aberta,
que desprega unha rede ultrarrápida de fibra óptica por todo o
territorio. R e Rede Aberta alíñanse na súa arela compartida de
lle proporcionar ao rural de Galicia “os medios necesarios para
integrarse no mundo dixital e lograr que a conectividade chegue a
zonas impensables ata agora”.
"Estamos
moi satisfeitos desta colaboración estratéxica con Rede Aberta, que
despregou nos últimos tres anos a súa rede de fibra óptica en
numerosos núcleos rurais de Galicia. Esta alianza permítenos
ampliar a presenza dos servizos de R e chegar a máis fogares e
empresas en todo o territorio, reforzando o noso compromiso coa
transformación dixital da nosa sociedade. Xuntos/as estamos
preparados/as para impulsar o futuro das comunicacións en Galicia”,
informou Alfredo Ramos, director de R
Pola
súa banda, Pere Antentas, director xeral de Rede Aberta, subliñou a
importancia do acordo entre dous operadores de referencia en Galicia;
en telecomunicacións e en infraestruturas do rural,
respectivamente:
“Con este acordo, as aldeas do ámbito rural gozarán dos servizos
de R tal cal o fan na Coruña e en Vigo. É o acordo de dúas
empresas que falan e pensan en galego: un río de prosperidade
económica para o rural”.
En
total, 200.000 inmóbeis de zonas rurais en 278 núcleos de poboación
de 86 concellos e nas 4 provincias galegas poderán gozar dende agora
dos servizos avanzados de telecomunicacións de R grazas á fibra
óptica de Rede Aberta.
“Esta
colaboración”, conclúe Ramos, “vén sumar un volume importante
de fogares e negocios con fibra que se engaden aos da despregadura
propia de R xunto á achega de Internet Rural, o noso servizo de
banda larga de calidade con 5G e Wi-Fi 6 que lanzamos o ano pasado”.
Ademais,
Rede Aberta resultou adxudicataria recentemente do Plan Único Banda
Larga 2023 para as provincias da Coruña e Pontevedra. Isto suporá
levar a fibra óptica do provedor galego a aproximadamente outros
30.000 fogares e empresas, o cal anuncia tamén que a súa alianza
con R ten aínda percorrido nun futuro inmediato.
224
concellos galegos que xa dispoñen da solución de Internet Rural de
R
A
CORUÑA (75 concellos): Abegondo, Ames, Aranga, Ares, Arteixo,
Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón,
Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre,
Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Coirós,
Corcubión, Coristanco, Curtis, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol,
Fisterra, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Melide,
Mazaricos, Mesía, Miño, Mugardos, Muros, Narón, Neda, Negreira,
Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Oza-Cesuras, Padrón,
O Pino, Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son,
Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de
Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Touro, Trazo,
Valdoviño, Vedra e Zas.
LUGO (46 concellos): Abadín, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte,
Burela, Carballedo, Castro de Rei, Cervo, Chantada, O Corgo,
Cospeito, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Lourenzá,
Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de
Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O
Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón,
Pol, A Pontenova, Portomarín, Rábade, Ribadeo, Sarria, O Saviñao,
Sober, Triacastela, O Valadouro, Vilalba, Viveiro e Xove.
OURENSE (50 concellos): Allariz, Amoeiro, Arnoia, A Bola, O Barco de
Valdeorras, Beariz, Os Blancos, Calvos de Randín, Carballeda de
Avia, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Castrelo do Val,
Cenlle, Coles, Celanova, Larouco, Lobeira, Lobios, Maceda, Manzaneda,
Maside, Melón, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra,
Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Piñor, Parada de Sil, Pereiro
de Aguiar, Barbadás, Pobra de Trives, Quintela de Leirado,
Ribadavia, Riós, A Rúa, Rubiá, San Cibrao das Viñas, San Cristovo
de Cea, Sarreaus, Trasmiras, Toén, Vilar de Barrio, Viana do Bolo,
Verín, Vilamarín, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
PONTEVEDRA (53 concellos): Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis,
Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Covelo,
Crecente, Cuntis, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de
Arousa, A Lama, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mos,
As Neves, Nigrán, Oia, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas,
Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O
Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda,
Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa,
Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.